Últimas Novas

A terceira edición da campaña pobrense <i>Raña e gaña</i> xerou un movemento de máis de 650.000 euros

A terceira edición da campaña pobrense Raña e gaña xerou un movemento de máis de 650.000 euros

13 Xaneiro, 2023
No acto de presentación da terceira edición da campaña Raña e gaña

No acto de presentación da terceira edición da campaña Raña e gaña

Vigoriza-la actividade económica do municipio na época do Nadal e xerar ilusión. Baixo esta premisa botou a andar un ano máis a campaña Raña e gaña froito da alianza entre o Concello da Pobra do Caramiñal, o DEAN.shop eCommerce e a Asociación de Empresarios, coa colaboración de tecido empresarial: Congalsa, Jealsa, Grupo Roig e Conservas Ramón Franco.

Esta terceira edición xerou un movemento de 656.100 euros segundo apunta a Concellaría da Promoción Económica, da cal é titular a edil Charo Varela (Nós Pobra). O dito proxecto de dinamización desenvolveuse do 3 de decembro ao 5 de xaneiro, ambos incluídos; período no que se distribuíron máis de 65.000 tarxetas en 55 establecementos comerciais e de servizos da localidade. Isto supuxo o repartimento de máis de 600 agasallos por un importe aproximado de 15.000 euros.

Un dos presentes máis ansiados era a viaxe familiar a Eurodisney que apareceu nun rasca xa no final da campaña. Novamente, a persoa agraciada resultou ser unha veciña da Pobra: María Dolores Rosende Piñeiro, tras realiza-la súa compra en Sport Maniotas. Procederase coa entrega oficial do premio en próximas datas.

Participaron negocios de distinta natureza que son o reflexo da listaxe heteroxénea de obsequios, que aínda se poden recoller ata o día 28 de febreiro. No caso das contribucións do comercio especifícase a tenda á cal acudir, mentres que no relativo aos artigos procedentes das empresas colaboradoras, resulta preciso achegarse ata a oficina do turismo -situada na Casa Mariñeira-, onde o persoal municipal se encargará da xestión ao permaneceren os produtos alí expostos. A atención ao público é de luns a venres, en horario de 10.00 a 14.00 horas.