Últimas Novas

Aberto ata 15 de xaneiro o prazo de inscrición en cursos de galego gratuítos

Aberto ata 15 de xaneiro o prazo de inscrición en cursos de galego gratuítos

O Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello da Pobra do Caramiñal informa de que ata 15 de xaneiro continúa aberto o prazo para se inscribir nos cursos oficiais gratuítos de galego correspondentes co segundo cuadrimestre deste curso académico e que oferta a Xunta para tódalas persoas maiores de 16 anos, os cales se realizan nas escolas oficiais de idiomas galegas (EOI). O obxectivo reside en prepara-lo alumnado interesado en supera-lo exame para obte-los Celga, é dicir, os certificados de lingua galega. As aulas desenvolveranse dende febreiro ata maio de 2021 de maneira presencial nas EOI.

O alumnado poderá consultar no día 19 de xaneiro a través da aplicación web se foi admitido, co fin de envia-la documentación correspondente para formaliza-la súa matrícula.

As bases reguladoras dos ditos cursos oficiais gratuítos, así como a lista de accións formativas concretas ofrecidas e as escolas oficiais de idiomas galegas en que se realizan, atópanse no Diario Oficial de Galicia (DOG) de 12 de agosto de 2020.

Así mesmo, ofértanse cursos de linguaxe administrativa galega dos niveis medio e superior, todos en liña (online), destinados ó persoal empregado público. Porén, tódalas demais persoas (maiores de 16 anos) que tamén os solicitaren dentro do prazo de inscrición estabelecido poderán optar igualmente a prazas nestas accións formativas, se quedan sitios libres.

Un requisito para poder optar ós referidos cursos de linguaxe administrativa é contar co Celga 4 (ou equivalentes anteriores, coñecidos como cursos de iniciación e perfeccionamento de lingua galega) ou, se non, cun curso de linguaxe administrativa do nivel básico.

A inscrición previa e gratuíta en tódolos cursos débese realizar pola vía telemática ata o día 15 de xaneiro de 2021, ás 23.59 horas.

As persoas interesadas tamén poden contactar co referido Servizo de Normalización Lingüística mediante o teléfono de contacto 676666263, ben sexa chamando ou por whatsapp, para obteren máis información ou axuda na dita inscrición, ademais de, de se-lo caso, asistencia na tramitación da solicitude de validación por parte da Xunta dos estudos académicos persoais por algún dos Celga existentes.

Pódese obter máis información sobre os temarios e materiais didácticos para prepara-los exames para a obtención dos Celga no Portal da Lingua Galega, a páxina web específica da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta: https://www.lingua.gal/recursos/para-aprender-o-galego/_/aprendelo/contido_0011/celga.