Últimas Novas

Aberto ata 24 de febreiro o prazo de inscrición na nova convocatoria dos cursos de galego gratuítos

Aberto ata 24 de febreiro o prazo de inscrición na nova convocatoria dos cursos de galego gratuítos

O Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello da Pobra do Caramiñal, adscrito á Concellaría da Normalización Lingüística, lembra a publicación dunha nova convocatoria dos cursos oficiais gratuítos de galego que oferta a Xunta para tódalas persoas maiores de 16 anos, ou que fagan esa idade dentro do ano natural da dita convocatoria. Desta volta, a área convocante e organizadora dos ditos cursos é a Secretaría Xeral da Política Lingüística.

O prazo de inscrición nestas accións formativas está aberto dende 4 ata 24 de febreiro de 2021, ás 23.59 horas, e o público destinatario son tódalas persoas que desexen mellora-lo seu coñecemento e dominio do galego, así como prepararse para as probas que a referida Secretaría Xeral da Política Lingüística convoca periodicamente para constatación da competencia da lingua e obte-los Celga, é dicir, os certificados de lingua galega.

As solicitudes entregaranse, preferibelmente, pola vía telemática, a través do formulario normalizado na sede electrónica da Xunta. Para a presentación poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos por esta sede electrónica, incluído o sistema Chave365. O formulario da solicitude e o presente procedemento PL600A atópanse na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=PL600A&ano=2021&numpub=1&lang=gl. Opcionalmente, poderase entregar de maneira presencial en calquera dos lugares e rexistros estabelecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, mais para a modalidade dos cursos en liña (online) unicamente se pode formaliza-la matrícula a través da nomeada sede electrónica da Administración autonómica.

Nesta convocatoria concreta só se poderá rexistrar unha única solicitude e só se pode pedir un único curso por persoa, aínda que sexan de modalidades distintas. De existir máis dunha solicitude da mesma persoa ou de pedir esta máis dunha acción formativa, anularanse tódalas súas peticións.

As aulas transcorrerán dende 15 de marzo ata 6 de maio de 2021, tanto na modalidade presencial coma na dos cursos en liña (online), cunha duración total de 70 horas lectivas. Na categoría presencial, estas distribuiranse en sesións de dúas horas e media, de luns a xoves, nos centros educativos das capitais galegas recollidas na listaxe que se especifica nas bases reguladoras íntegras da presente convocatoria, publicadas no DOG de 3 de febreiro de 2021.

Cómpre indicar que a realización dos cursos non dará dereito a ningún tipo de certificación, pois trátase de accións formativas de carácter preparatorio das probas conducentes á obtención dos certificados de lingua galega. As convocatorias dos exames, ós cales se pode presentar calquera persoa interesada, alumna ou non dos cursos, realizaraas no futuro a propia Secretaría Xeral da Política Lingüística, das que tamén se dará conta nesta mesma páxina web.

As persoas interesadas tamén poden contactar co referido Servizo de Normalización Lingüística mediante o teléfono de contacto 676666263, ben sexa chamando ou por whatsapp, para obteren máis información ou axuda na dita inscrición, ademais de, de se-lo caso, asistencia na tramitación da solicitude de validación dos estudos académicos persoais por algún dos Celga existentes.

Pódese obter máis información sobre os temarios e materiais didácticos para prepara-los exames para a obtención dos Celga no Portal da Lingua Galega, a páxina web específica da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta: https://www.lingua.gal/recursos/para-aprender-o-galego/_/aprendelo/contido_0011/celga.