Últimas Novas

Andaina interxeracional na Pobra co gallo do Día Mundial do Alzheimer

Andaina interxeracional na Pobra co gallo do Día Mundial do Alzheimer

22 Setembro, 2022

Máis de 300 persoas participaron onte na primeira andaina presencial Os camiños da memoria promovida polo centro de día da Pobra do Caramiñal coa colaboración do Concello. O desfile estivo integrado por persoas usuarias, familiares das mesmas e profesionais dos centros de día da Pobra, Porto do Son e Rois, ademais de alumnado e profesorado do CEP Salustiano Rey Eiras. Tamén contou con representación da Administración local, nesta ocasión, a concelleira dos Servizos Sociais, Amparo Cerecedo (BNG).

Esta acción xurdiu durante a pandemia de maneira online con motivo do Día Mundial do Alzheimer, que se conmemora no 21 de setembro, para “dar visibilidade a unha doenza que padecen os nosos maiores”, segundo explica a directora, Fátima Sendón, e traballando esta cuestión dunha maneira máis activa coa rapazada.

O itinerario partiu das inmediacións da instalación pobrense para dirixirse pola rúa Venecia, paseo dos Areos e vías do centro da vila ata chegar aos Xardíns de Valle-Inclán, onde tivo lugar un acto. Juan Pérez, usuario do centro pobrense, efectuou a lectura dun texto relativo á perda de memoria e á vellez, ao igual que fixeron algúns/algunhas dos/as estudantes do referido centro educativo. A cativada tamén quixo agasallar aos maiores cunha serie de debuxos e intercambiaron experiencias.