Últimas Novas

As Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán arrancan cunha exposición e teatro

As Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán arrancan cunha exposición e teatro

Dende hoxe e ata 31 de outubro, desenvolverase na Pobra a vixésimo segunda edición das Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán. Esta convocatoria conta cun amplo e variado programa de actividades que inclúe teatro, exposición, ofrenda cívica ou conferencias, entre outras.

Concretamente, nesta fin de semana terá lugar a inauguración, neste venres 16, coa apertura da exposición Voces de Gesta. Tragedia pastoril no Museo Valle-Inclán. Trátase dunha reimpresión de pranchas de gravado orixinais (1911) elaboradas por Ricardo Baroja, Ángel Vivanco, Rafael Penagos, Moyá del Pino, Anselmo Miguel Nieto, Aurelio Arteta e Julio Romero de Torres. Co gallo desta mostra ábrese ao público a sala de Iconografía Contemporánea.

Así mesmo, Quico Cadaval levará á escena no domingo 18 o monólogo Divinas Palabras. Imaxes Profanas, unha interpretación da obra de Valle-Inclán coa participación especial de Manuel Ayaso.

Cómpre lembrar que se seguirán as medidas implantadas por mor da COVID-19, polo cal as persoas interesadas en asistir deben formaliza-la súa reserva a través do teléfono de contacto 981843280, marcando a extensión 2014, en horario de 09.00 a 14.00 horas.

Os demais actos que conforman as xornadas desenvolveranse nas vindeiras semanas.