Últimas Novas

Axenda das actividades ambientais 2020 do Concello da Pobra: INICIO DOMINGO 26 DE XANEIRO

Axenda das actividades ambientais 2020 do Concello da Pobra: INICIO DOMINGO 26 DE XANEIRO

         Dende a área do Medio Ambiente do Concello da Pobra do Caramiñal estamos xa a programar diversas actividades relacionadas co medio ambiente.

Preténdese dar continuidade a aquelas que houbo en 2019 como a semana do medio ambiente ou as xornadas micolóxicas. Nestas, o Concello volverá ter actividades tanto para as persoas adultas coma para as pequenas.

Tamén haberá outras actividades novas, como a de inicio da campaña de compostaxe, que está en fase de elaboración.

Outra novidade con que empezamos neste mes de xaneiro de 2020 son saídas para coñece-la nosa contorna. Trátase da actividade “A Pobra natural”, e consiste en tres saídas para coñecermos ecosistemas tan diferentes como as dunas, as brañas e a serra. Serán sempre itinerarios guiados polo biólogo pobrense Miguel Conde Teira, bo coñecedor do medio natural da Pobra do Caramiñal.

A POBRA NATURAL

SAÍDAS GUIADAS PARA COÑECÉRMO-LA NOSA CONTORNA

Domingo 26 de xaneiro de 2020

DUNAS DA CORNA E DA GAMUSIÑA

Para coñece-los valores botánicos e faunísticos das dunas da Corna e a importancia da presenza de arribazón nos areais. Tamén se quere identificar algunha das especies de plantas exóticas invasoras que poden chegar a destruír estes ecosistemas. E haberá tempo para sabermos algo máis sobre as cunchas dos areais e a xeoloxía do lugar.

Iremos ata A Illa, cunha parada na praia da Lombiña, outra na punta da Corna, outra nun extremo da praia, e outra na parte de Ribeira e en Caíños. Despois volveremos polo camiño interior á Illa.

 

Domingo 16 de febreiro de 2020

RUTA GUIADA POLAS XUNQUEIRAS DO CARAMIÑAL E OUTRAS ZONAS HÚMIDAS DA CONTORNA

Un camiño fácil para sabermos algo máis da importancia que teñen na biodiversidade as zonas onde se mestura auga doce e salgada, e para coñece-la necesidade da presenza de charcas e pozas no conxunto dos ecosistemas.

 

Domingo 15 de marzo

RUTA GUIADA POLA SERRA DO BARBANZA 

Unha invitación a coñece-la flora e fauna da serra, con visita á Casarota do Foxiño.

As condicións para poder participar nestas saídas guiadas son as que detallamos a seguir, na programación xeral das xornadas (continuaremos a informar en breve de cada actividade máis especificamente):