Últimas Novas

Colgado o PACES para a consulta por parte da cidadanía

Colgado o PACES para a consulta por parte da cidadanía

Queda subido á páxina web o Plan de acción para o clima e a enerxía sostíbel (PACES). Para acceder á súa consulta tan só é preciso premer nesta primeira ligazón resaltada en cor verde.

Trátase, polo tanto, dun compromiso derivado da incorporación do Concello da Pobra do Caramiñal ao Pacto das Alcaldías, tratado que recolle por primeira vez compromisos concretos para as administracións locais.

Máis polo miúdo, o citado Plan consiste nun documento clave dentro do Pacto das Alcaldías a través do cal o Concello expón como acadará o compromiso asumido de lograr en 2030 unha redución do 40% das emisións do CO2 -e, posibelmente, outros gases de efecto invernadoiro- no prazo de 10 anos. Para conseguir esta dedución das emisións, expóñense 24 medidas de mitigación, centradas en actuacións que afectan principalmente os edificios e instalacións municipais e o alumamento público, así como os edificios residenciais e o transporte; ademais doutras medidas transversais enfocadas na organización municipal, compra verde e concienciación e sensibilización. Búscase así a implicación da cidadanía e das administracións públicas para loitar contra o cambio climático con disposicións pensadas, cuantificadas e reais.

As mencionadas pautas proxectáronse co horizonte do exercicio de 2030, aínda que é un documento vivo e aberto á contribución de novas ideas e iniciativas, razón pola cal se presentará un informe cada dous anos no cal se recolla un seguimento das medidas propostas e os cambios con respecto ao presentado inicialmente.