Últimas Novas

Comeza na Pobra unha nova edición do ‘Camiños de Coñecemento e Experiencia’

Comeza na Pobra unha nova edición do ‘Camiños de Coñecemento e Experiencia’

Un total de 25 veciñas e veciños participan dende este martes 22 no programa Camiños de Coñecemento e Experiencia, impulsado pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e que regresa por terceiro ano consecutivo ao municipio da Pobra, para lle presentar á veciñanza maior de 50 anos unha atractiva oferta formativa.

O Auditorio do Museo Valle-Inclán acolleu na tarde de onte o acto de apertura, para o cal se desprazaron ata alí a concelleira da Cultura, Patricia Lojo, e a directora do IV Ciclo na USC, Esther Olveira, para dárlle-la benvida ás persoas asistentes, ademais de agradece-lo traballo da técnica municipal da Área da Cultura, Fita Sanisidro.

O dito ciclo desenvolverase ao longo do presente mes, englobando tres seminarios das seguintes temáticas: criminoloxía, educación e teatro. Cada un constará dunha sesión teórica e outra práctica.

Deste xeito, onte transcorreu o seminario Introdución á criminoloxía. A criminoloxía e a política criminal a cargo de Ana Moure Soengas, da Facultade de Ciencias Políticas (USC). Volverá no día de hoxe cun obradoiro práctico e a análise dunha pegada dixital.

Xoves 24 será a quenda de Diana Priegue Caamaño e Cristina Varela Portela, da Facultade de Ciencias da Educación (USC), co seminario Estilos educativos parentais. No venres 25 realizarase a parte práctica.

Beatriz Porrúa Refojo, do Programa Universitario de Maiores IV Ciclo (USC), será a encargada de impartir Seminario Teatro. A construción do personaxe no luns 28, que proseguirá no martes 29 coa súa parte práctica a través dun obradoiro.

O curso concluirá coa tradicional entrega de diplomas en Santiago, incluíndo algunha cita cultural.

Tódalas actividades teñen lugar en horario de 16.30 a 18.00 horas no Auditorio do Museo Valle-Inclán.