Últimas Novas

Concurso literario da EGAP polo Día das Letras Galegas para tódalas nenas e nenos galegos: prazo ata 21 de febreiro de 2020

Concurso literario da EGAP polo Día das Letras Galegas para tódalas nenas e nenos galegos: prazo ata 21 de febreiro de 2020

            O SNL (Servizo de Normalización Lingüística) do Concello da Pobra do Caramiñal informa de que a Escola Galega de Administración Pública (EGAP), organismo autónomo adscrito á Xunta, o cal ten legalmente como un dos seus obxectivos fundacionais a difusión e normalización da lingua galega,

convoca o seu concurso literario infantil e xuvenil en galego de tódolos anos, con motivo do Día das Letras Galegas, que se celebra tódolos 17 de maio dende 1963 e que desta volta estará dedicado a Ricardo Carvalho Calero (Ferrol, 1910-Santiago de Compostela, 1990), membro numerario da Real Academia Galega (RAG) dende 1958; primeiro profesor da universidade galega das materias de Lingua e Literatura Galegas; e, ademais, foi o primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galegas que tivo a universidade galega (1972).

             Segundo a RAG, “a súa erudita Historia da literatura contemporánea galega (1963) é o esforzo de sistematización da nosa literatura máis ambicioso e significativo da segunda metade do século XX”.

              No concurso poderán participar tódalas nenas e nenos galegos entre 9 e 11 anos ou ben entre 12 e 14 anos.

Para cada unha destas categorías haberá un 1.º premio (250 euros), un 2.º premio (200 euros) e mais un 3.º premio (150 euros).

Poderanse presentar tamén contos premiados con anterioridade por todo o tipo de organismos públicos ou privados, salvo pola propia EGAP.

O xurado, á hora de avalia-los textos concursantes, terá en conta os seguintes criterios de valoración:

a) Calidade literaria: 15 puntos

b) Orixinalidade: 15 puntos

c) Valores relacionados coa nosa cultura e país: 8 puntos

d) Coidado da lingua galega: 12 puntos

             O prazo permanecerá aberto ata 21 de febreiro de 2020.

Nas bases reguladoras completas (DOG de 21 de xaneiro de 2020), poden consulta-la forma e lugares de presentación, así como a documentación que hai que entregar.

Así mesmo, poden solicitar máis información, así como axuda personalizada para presenta-la documentación e os textos con que se queira concursar, no Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello da Pobra do Caramiñal, sito na casa consistorial (981 84 32 80, extensión 2013).

https://egap.xunta.gal/fichanova/id/3193

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200121/AnuncioO150-231219-0001_gl.html

 

(Foto do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas de 2020, Ricardo Carvalho Calero. Arquivo da RAG, 1966)