Últimas Novas

Convocados cursos de salvamento e socorrismo acuático por parte da Deputación da Coruña

Convocados cursos de salvamento e socorrismo acuático por parte da Deputación da Coruña

A Deputación Provincial da Coruña, ao abeiro do Plan de Emprego Local (PEL), impartirá os seguintes certificados de profesionalidade no Programa de Salvamento e Socorrismo Acuático: socorrismo en espazos acuáticos naturais e socorrismo en instalacións acuáticas. A inscrición formalizarase nunha única solicitude para participar nas dúas accións formativas; obterase así a dobre titulación.

A formación teórico-práctica realizarase no Centro de Formación da Cruz Vermella na cidade da Coruña e as prácticas profesionais non laborais en praias de concellos da provincia. En primeiro lugar desenvolverase a formación en espazos naturais, coa data de inicio prevista para mediados de febreiro e, logo da tempada de areais, previsiblemente a finais de setembro, iniciarase a formación en instalacións acuáticas.

Entre os requisitos das persoas candidatas figuran estar inscritas na Oficina de Emprego correspondente e coa tarxeta de demandante de emprego vixente na data do prazo de inscrición, ter feitos os 18 anos de idade no momento da inscrición, e estar empadroado/a nalgún dos concellos da provincia da Coruña, preferentemente, cunha poboación inferior a 50 000 habitantes. Canto ás disposicións específicas, estipúlase estar en posesión dos títulos ou certificados precisos para cursa-la formación correspondente co certificado de profesionalidade de nivel 2. E, no que respecta ás condicións físicas, carecer de afeccións crónicas e enfermidades infecto-contaxiosas. Así mesmo, requírese integridade física, resistencia, forza, destreza, coordinación visomotriz, axilidade, rapidez de reflexos.

A mocidade pobrense que estea interesada dispón ata o día 5 de febreiro, ás 14.00 horas, para se anotar, para o cal se pode achegar á Axencia de Emprego e Desenvolvemento Local situada no Concello da Pobra do Caramiñal.

No caso de excede-las solicitudes o número de prazas ofertadas, as persoas candidatas terán que superar probas de natación e, para efectualas, resulta necesario que leven, no día en que estean citadas, traxe de baño deportivo, gorro de piscina, lentes de natación, chancletas e toalla. A demostración consistirá en nadar 200 metros estilo libre nun tempo máximo de 4 minutos e 15 segundos e realizar, sen impulso, 20 metros en apnea.

Para participar nestas accións formativas, completarase o formulario de candidatura, asinarase a declaración de cumprimento de requisitos e achegarase escaneado o certificado ou informe de saúde recente, emitido, asinado e selado por persoal facultativo/a cunha data non anterior a 11 de xaneiro de 2021. O dito documento debe acredita-lo cumprimento das capacidades físico-psíquicas para o desenvolvemento da actividade profesional de salvamento e socorrismo acuático.

Cómpre sinalar que só se admitirán 6 inscricións por concello de persoas empadroadas nel e serán candidatas para a realización das probas de selección aquelas de quen se achegue, no prazo previsto, o formulario completo e asinado, así como o documento escaneado que se solicita.

Segundo os resultados da convocatoria das persoas candidatas, indicarase, unha vez remate o prazo de inscrición, a data, a instalación e a localidade onde terán lugar as probas físicas que corresponda.

Ademais, as 20 persoas candidatas, segundo a orde de puntuación obtida de maior a menor e/ou que acaden os mellores resultados nas referidas probas, deberán superar unha entrevista persoal na cal serán consideradas aptas ou non. Estas persoas terán que acudir no día e hora da cita á entrevista cunha serie de documentación.

Os mencionados cursos son accións formativas acreditadas, polo cal se expedirán os correspondentes certificados de profesionalidade de nivel 2 logo de cumpri-las disposicións previstas no itinerario de salvamento e socorrismo acuático. Do mesmo xeito, impartirase, como formación complementaria, o manexo de desfibrilador semiautomático (DESA) e, como transversal, a inserción laboral, sensibilización medioambiental e na igualdade de xénero.