Últimas Novas

Convocatoria das axudas ao alugamento de vivenda do Plan estatal 2018-2021 para o presente ano

Convocatoria das axudas ao alugamento de vivenda do Plan estatal 2018-2021 para o presente ano

O DOG do 30 de marzo de 2021 recolle a publicación da resolución pola que se convocan as axudas ao alugamento de vivenda do Plan estatal de vivenda 2018-2021 para o presente ano.

A liña A recolle as achegas ao alugamento de vivenda co obxecto de facilita-lo desfrute dunha vivenda en réxime de alugamento a sectores da poboación con escasos medios económicos, mediante a concesión de axudas directas ás persoas inquilinas. Por outra banda, á liña B adscríbense aquelas destinadas á mocidade para o alugamento da vivenda habitual e permanente, coa finalidade de facilita-lo acceso ao desfrute dunha vivenda digna e adecuada, en réxime de alugamento, a persoas menores de 35 anos con escasos medios económicos, mediante o outorgamento de axudas directas ás persoas inquilinas.

A concesión das axudas recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia competitiva, de acordo co sinalado no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O importe total dedicado ascende a 2 272 000 euros. As axudas de ámbalas dúas liñas concederanse por un prazo máximo dun ano e, en todo caso, ata 31 de decembro de 2021, data de remate da vixencia do Plan 2018-2021, se ben terán carácter retroactivo nunha serie de termos estipulados. As persoas beneficiarias deberán de cumprir unha serie de requisitos establecidos.

As solicitudes realizaranse mediante a presentación do formulario, debidamente cuberto, que se incorpora como anexo I á mencionada resolución e deberá dirixirse ao Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS). Presentaranse preferiblemente pola vía telemática a través do formulario normalizado que estará dispoñible na sede electrónica da Administración autonómica e na páxina web do IGVS. Para esta modalidade de presentación poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola referida sede electrónica, incluído o sistema Chave365. Opcionalmente, poderanse entregar de maneira presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG. No momento de cubri-la súa solicitude, a persoa interesada deberá optar por unhas das dúas liñas de achegas previstas e só se admitirá unha única solicitude por cada unidade de convivencia. Tamén se deberá achega-la documentación complementaria requirida.

Para máis información poden contactar co Departamento dos Servizos Sociais da Pobra do Caramiñal a través do enderezo electrónico servizos.sociais@apobra.gal.