Últimas Novas

Dende 18 de novembro, o Concello da Pobra do Caramiñal súmase á campaña En Negro contra as Violencias

Dende 18 de novembro, o Concello da Pobra do Caramiñal súmase á campaña En Negro contra as Violencias

     Dende a Concellaría de Igualdade da Pobra do Caramiñal consideramos que a actual situación de violencia contra as mulleres require unha resposta unánime de toda a sociedade que poña de manifesto o rexeitamento de tódalas formas de violencia contra as mulleres. Para iso, animámo-lo sector do comercio e tódolos axentes sociais do noso municipio a se implicar na conmemoracion do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero.
#apobraennegro
Propómosvos vestir de loito a nosa vila, en sinal de dor por tódalas mulleres que sofren violencia, e como resposta á máis dura das súas consecuencias, a morte; porque consideramos que téde-lo protagonismo das rúas da Pobra, e sóde-lo grande escaparate que pode transmitir á cidadanía a mensaxe de denuncia e solidariedade: queremos unha Pobra libre de violencias machistas!


Dende o día 18 ata 25 de novembro, viste a túa tenda, comercio, empresa, bar, posto do mercado etc. de negro, viste os manequíns, os manteis do teu restaurante, ou ti mesmo/a, de negro; nós facilitarémosche material e información que tamén compartiremos nas redes sociais.
Esta campaña desenvolverase conxuntamente con máis dun centenar de vilas e cidades galegas baixo o lema En Negro contra as Violencias co obxectivo de poñer sobre as axendas, coa maior contundencia posíbel e dunha vez por todas, a violencia machista como un problema público, de toda a cidadanía.
Se queres participar, só tes que chamar ó número de teléfono 981-843280 ext. 2014 ou 981 832764 ext. 2206, ou enviar un correo electrónico a igualdade@apobra.gal
cos datos do estabelecemento (nome e enderezo) e da persoa de referencia (nome e telefono) antes de 11 de novembro de 2019: deseguida contactaremos contigo.

Agardamos contar coa túa participación!