Últimas Novas

Efectuada a entrega da viaxe familiar a Eurodisney da campaña pobrense <i>Raña e gaña</i>

Efectuada a entrega da viaxe familiar a Eurodisney da campaña pobrense Raña e gaña

12 Marzo, 2021

No mediodía do xoves 11 procedeuse coa entrega da viaxe familiar a Eurodisney á persoa que resultou afortunada durante o transcurso da campaña pobrense Raña e gaña, a cal se desenvolveu na época do Nadal. María de los Ángeles Davila Ouviña recibiu o agasallo da man do alcalde da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro; da directora das relacións externas de Congalsa, Isabel Cañas; e da representante do establecemento local do téxtil ‘Mi barquito de papel’ onde se distribuíu a tarxeta, Ana Boo. A situación epidemiolóxica e os casos que rexistraba o municipio a comezos deste 2021 propiciou que se tivese que pospor este acto ata o presente mes de marzo.

O rexedor destacou o éxito que tivo a campaña axudando “a que a xente compre no comercio local, que o coñeza mellor e que, polo tanto, pense nel cando planifica as súas compras.” Do mesmo xeito, expresou o seu agradecemento a tódalas persoas implicadas no seu desenvolvemento. Pola súa parte, a directora das relacións externas de Congalsa, Isabel Cañas, sinalou que lles pareceu “unha iniciativa boísima, orixinal e ilusionante para apoia-lo comercio local, polo que non dubidamos nin un momento da nosa participación.”

A gañadora da viaxe manifestou que estaban “moi contentos” tódolos membros da súa familia, especialmente, as súas fillas. E a representante de ‘Mi barquito de papel’, Ana Boo, declarou que Raña e gaña supuxo “unha alegría” debido á involucración da xente e ás compras que se efectuaron.

A referida proposta naceu baixo a premisa de dinamiza-la economía local ao tempo que se xeraba ilusión e que se apostaba pola unidade. Repartíronse máis de 85 000 rascas nos 71 establecementos comerciais e de servizos do termo municipal entre o día 28 de novembro e o 6 de xaneiro, ambos incluídos, que se traduciu en arredor de 600 agasallos directos por un importe total de case 20 000 euros.

Unha iniciativa que naceu da unión de forzas por parte do Concello, a Asociación de Empresarios da Pobra do Caramiñal, a Asociación do Pequeno Comercio Deán e a Asociación de Profesionais da Praza de Abastos coa colaboración de empresas que quixeron achega-lo seu grao de area: Congalsa, Rianxeira/Escurís, Camping Ría de Arosa, Conservas Ortiz, Conservas Ramón Franco e DS Smith Cartogal.

Dende a Concellaría da Promoción Económica, da cal é titular a edil Charo Varela, enumeráranse como obxectivos desta iniciativa a xeración de ilusión, ser un grande escaparate dos establecementos e produtos e servizos que ofertan, apoiar un sector imprescindible para a vida económica do concello e incentiva-lo consumo interno ao tempo que se atraen potenciais clientes.