Últimas Novas

AXENCIA DE EMPREGO E DESENVOLVEMENTO LOCAL

A Axencia de Emprego e Desenvolvemento Local da Pobra do Caramiñal é un servizo municipal de promoción do desenvolvemento económico e que ofrece ás persoas usuarias todo o tipo de información sobre a creación de emprego, a formación, a dinamización do tecido empresarial existente e a creación de novas empresas, aproveitando os recursos endóxenos do territorio e as posibilidades que ofrecen as axudas e subvencións das distintas administracións.

 

Os seus obxectivos principais son os seguintes:

  • Deseño de actuacións que contribúan ó desenvolvemento do territorio, con base no estudo da evolución e necesidades do mercado laboral.
  • Difusión das políticas activas de emprego da Xunta.
  • Información sobre os recursos existentes para favorece-lo desenvolvemento local no ámbito municipal.
  • Asesoramento a persoas emprendedoras sobre os trámites necesarios para a construción e pór en funcionamento un proxecto empresarial.
  • Acompañamento no inicio de proxectos empresariais para a súa consolidación en empresas xeradoras de novos empregos.
  • Servizo de atención a empresas coa finalidade de lograr unha maior dinamización do sector: información sobre axudas e subvencións para contratación etc.
  • Actualización continuada da base de datos de empresas e comercios do municipio.
  • Fomento da utilización de novas tecnoloxías.
  • Promoción do desenvolvemento de actividades formativas atendendo as demandas de empresas e persoas desempregadas.

 

PERSOAS BENEFICIARIAS

Os servizos que ofrece a Axencia de Emprego e Desenvolvemento Local van dirixidos  principalmente a persoas desempregadas, potenciais emprendedores/as, empresas, asociacións e, por suposto, á poboación en xeral.

 

FUNCIÓNS

Asesoramento a persoas emprendedoras

Consiste en informar e asesorar persoas con proxectos empresariais, promovendo a creación de empresas, indicándolle-las posíbeis axudas e subvencións das cales se poden beneficiar.

 

Proxectos de formación e creación de emprego

A pesar de que, segundo os datos publicados mensualmente pola Consellaría da Economía, Emprego e Industria, o número de xente desempregada no noso municipio está sempre por baixo da media estatal e da comunidade autónoma, segue habendo unha bolsa de xente parada importante e a creación de postos de traballo a nivel local é fundamental tanto para as propias persoas desempregadas en si como para o desenvolvemento socioeconómico do municipio xa que, a máis persoas empregadas, máis renda, e máis renda implica máis gasto tanto en bens coma en servizos nos comercios e empresas radicadas aquí. Por este motivo, dende o Concello, deséñanse unha serie de plans de creación de emprego, e realízanse as xestións necesarias para obter financiamento público para eles. Entre estes proxectos destacan os seguintes:

 

Programas de cooperación. Aínda que como tales fan parte das políticas activas de emprego da Xunta en colaboración coas entidades locais, tamén poderiamos considera-los diferentes programas que vén deseñando e publicando a Deputación Provincial da Coruña. Con estes programas lévase a cabo a contratación de traballadoras e traballadores desempregados para a realización de obras ou servizos de interese xeral e social. As persoas contratadas adquiren unha experiencia profesional para mellora-la súa empregabilidade e poderen acceder con posterioridade a un posto de traballo por conta propia ou allea.

 

Obradoiros de emprego. Encadrados dentro das políticas activas de emprego, son programas mixtos que combinan accións de formación e emprego dirixidos a mellora-la ocupabilidade das persoas desempregadas coa finalidade de facilita-la súa posterior integración no mercado de traballo.

 

Cursos formativos. Planificación de cursos de formación dirixidos a persoas desempregadas, traballadoras/es en activo, tanto por conta propia coma por conta allea, empresas e poboación en xeral.

 

Bolsas de emprego. Recepción de currículos e tramitación destes ante posíbeis ofertas. Pór en funcionamento bolsas para cubrir necesidades temporais de contratación nos servizos municipais en colaboración cos distintos departamentos do Concello.

 

Seguimento de axudas e subvencións

Dende a Axencia de Emprego e Desenvolvemento Local faise un seguimento diario de boletíns oficiais para a detección de axudas e subvencións de todo o tipo que se consideren útiles ou necesarias para a dinamización municipal en tódolos seus ámbitos, dende obras para construción ou mellora de infraestruturas, pasando por actividades culturais, deportivas ou a mellora dos servizos sociais.

 

HORARIO ATENCIÓN Ó PÚBLICO

De luns a venres de 8:00 a 15:00 horas

 

TELÉFONO

Teléfono directo: 981 37 76 25

Central: 981 84 32 80 – ext. 2017

Correo electrónico: aedl@apobra.gal