Últimas Novas

<i>Emprégate en verde</i> ofrece á mocidade un percorrido formativo e práctico por cinco oficios

Emprégate en verde ofrece á mocidade un percorrido formativo e práctico por cinco oficios

A asociación Deloa, coa colaboración da Fundación Paideia Galiza, e a Escuela de Organización Industrial (EOI) botan a anda-lo programa de emprego xuvenil Emprégate en verde, o cal se desenvolverá entre os días 11 de febreiro e 22 de abril na Escravitude, en Padrón. Dirixido á mocidade de entre 16 e 29 anos, permite facer un percorrido formativo e práctico por 5 oficios diferentes, ademais de coñecer dende dentro un modelo de emprendemento sostible baseado na economía circular.

A dita acción formativa divídese en tres bloques: o primeiro focalízase no coñecemento das oportunidades da contorna e incorpora a visita a 3 proxectos/empresas da zona; no segundo ofrécese a oportunidade de coñecer dende dentro os sectores da cociña, panadaría, horta ecolóxica, obradoiro e atención en sala; e, finalmente, o terceiro trata sobre competencias de emprego, é dicir, motivación, dereitos e deberes das persoas traballadoras, perspectiva de xénero no mercado laboral ou entrevistas e procesos de selección, entre outros. Ademais, haberá sesións individuais nas cales a/o participante recibirá asesoramento e seguimento individualizado que poderá continua-lo seu curso, se así o desexa, despois da formación co obxectivo de facer un acompañamento e dar apoio no proceso de busca de emprego.

Cómpre sinalar que o programa é gratuíto e o único requisito é que a mocidade interesada nesta iniciativa estea inscrita en Garantía Xuvenil. A matrícula realízase mediante o formulario online dispoñible na seguinte ligazón: https://www.paideia.es/empleo-juvenil/#formulario_juventud. Pódese solicitar máis información chamando ao 981223927, enviando un whatsapp ao 606026202 ou a través do enderezo electrónico juventud@paideia.es.