Últimas Novas

En marcha as obras de mellora da rúa Venecia

En marcha as obras de mellora da rúa Venecia

13 Xaneiro, 2023

O Concello da Pobra do Caramiñal prosegue executando intervencións en distintas vías municipais para mellora-lo seu firme, ademais de incrementa-los servizos. Nesta semana comezaron as obras na rúa de Venecia, unha das arterias do núcleo urbano, dado o tránsito que rexistra, tanto dende a perspectiva do tráfico rodado coma da circulación peonil. Ata o lugar desprazáronse o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), e a concelleira dos Servizos Municipais, Estefanía Ramos (Nós Pobra).

Segundo manifestan, a actuación supón a fresadura e pavimentación da dita rúa, así como das que dan acceso e saída ó centro de saúde e á residencia de maiores. Tamén se reducirá a cota existente entre a estrada e a beirarrúa para facilita-la accesibilidade. Pintaranse, así mesmo, as marcas viarias, incrementarase o número de pasos peonís e adaptaranse as tapas de rexistro á nova rasante.

A maiores, inclúe a canalización das augas pluviais da urbanización Fraga Iribarne directamente coa Xunqueira para alivia-la carga do sistema de saneamento e mellora-la situación cando se producen precipitacións intensas, ademais da válvula de non retorno que se puxo anteriormente na contorna do ambulatorio.

A empresa adxudicataria foi Movimientos de Áridos y Construcciones de Arosa S.L. por un importe de 60 643’36 euros, IVE incluído, con cargo ó remanente da Tesouraría. O prazo estipulado é dun mes.