Últimas Novas

Entrega dos diplomas de participación no campamento de voluntariado de Amicos

Entrega dos diplomas de participación no campamento de voluntariado de Amicos

16 Xullo, 2021

O campamento de voluntariado de Amicos chega á súa recta final cun acto na praia da Corna ao que asistiron a conselleira da Política Social, Fabiola García; a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel; o alcalde da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra); a concelleira do Medio Ambiente, Genoveva Hermo (Nós Pobra); o seu homólogo da Mocidade e do Voluntariado, José Andrés Lojo (Nós Pobra); e o director xeral de Amicos, Xoán España.

Na xornada deste 16 de xullo desenvolvéronse numerosas actividades, que concluíron coa entrega dos diplomas de participación a cada unha das persoas integrantes deste proxecto.

Unha das participantes, Carolina Castro, relatou que “puiden aprender cousas marabillosas do medio ambiente e espero repetir”, facendo especial fincapé nalgunhas das actividades coma a limpeza de praias e a fabricación e instalación dun hotel de insectos. Tamén Daniel, voluntario chegado dende Pamplona, quixo destacar todo o que lle aportou esta vivencia coma, por exemplo, “compartir o día a día coas persoas con discapacidade paréceme unha experiencia moi bonita e enriquecedora, polo que me gustaría repetir algún outro ano.” Pola súa parte, o rexedor reafirmou o apoio do Concello a Amicos e a este tipo de actividades, as cales cualificou como “integradoras e concienciadoras.” E a titular da Política Social manifestou que este campamento de voluntariado forma parte da campaña O verán que mereces, que organiza a Xunta de Galicia, e puxo en valor as accións postas en marcha por parte de Amicos, entidade á que se referiu como “unha referencia na nosa comarca.”

O campamento, cuxo eixo central é a inclusión, ten lugar no Camping Ría de Arosa, en Cabío, e durante o seu transcurso a pretensión é a de, entre outros aspectos, fomentar entre as 10 persoas participantes, con idades comprendidas entre os 18 e 30 anos, os valores da solidariedade e o coidado medioambiental, así como premiar as súas boas prácticas.