Últimas Novas

Entregado o material ás persoas seleccionadas na segunda campaña de compostaxe doméstica

Entregado o material ás persoas seleccionadas na segunda campaña de compostaxe doméstica

11 Xuño, 2021

Na tarde deste 11 de xuño fíxose entrega dos composteiros domésticos e material divulgativo ás persoas seleccionadas nesta segunda campaña, ademais de impartir unha charla formativa a cargo dun biólogo ambiental que forma parte do equipo de Ventos Estudos Ambientais e quen tamén realizará o seguimento do proceso da compostaxe en cada un dos fogares participantes.

Cómpre lembrar que se establecerá, na xornada de mañá, 12 de xuño, un posto informativo nos Xardíns de Valle-Inclán, en horario de 10.00 a 14.00 horas, co obxectivo de informa-la veciñanza sobre a compostaxe doméstica e resolver todas aquelas dúbidas que poidan ter ao respecto.

Dáselle así continuidade ao proxecto iniciado no pasado ano para fomenta-la separación na orixe e a xestión in situ de parte dos residuos xerados nos domicilios, impulsado dende a Concellaría do Medio Ambiente da Pobra do Caramiñal, da cal é titular a edil Genoveva Hermo (Nós Pobra).

Estas accións encádranse nas actividades desenvolvidas pola Administración local arredor do Día Mundial do Medio Ambiente, no 5 de xuño. Así mesmo, atópanse ao abeiro da convocatoria da Orde de 5 de maio de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo FEDER Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2020-2021.