Che Tembra forxa debuxos de Díaz Pardo nunha nova mostra na Pobra
Ferro e madeira fusiónanse de igual maneira que Isaac Díaz Pardo e Che Tembra na nova mostra que acubilla a casa da cultura Raquel Fernández Soler da Pobra do Caramiñal. Unha serie de 23 pezas nas que o artista rianxeiro forxa debuxos dunha das figuras clave da cultura galega contemporánea, ademais de incluír creacións propias.
Predominan as formas humanas e unha minuciosa captación do movemento como sucede en 20 desnudos de Cecilia la acróbata ou As tres gracias, sempre con detalles que sinalan as mans de quen estivo na fragua.
A inauguración celebrouse na tarde do 7 de marzo, con Barahúnda encargada do toque musical do acto. En palabras da concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), “a artesanía prosegue erixíndose como a protagonista nesta dependencia municipal, pois anteriormente expuxo as súas tallas un veciño desta localidade.” Con relación a isto, fixo mención especial ao valor “do feito á man, con mestría” como se constata nesta nova exposición que permanecerá ata o 7 de abril e que leva “o inconfundible selo de Tembra”, quen soubo fusionar dous oficios, o de ferreiro e o de artista, “co mesmo aloumiño e precisión que se empregan na metalurxia.” Neste senso, Lojo gabou a súa traxectoria e implicación na vida cultural da comarca. Aludiu, polo tanto, ao significativo de que nesta ocasión renda tributo a un intelectual da dimensión de Díaz Pardo.
A edil reivindicou a importancia de estimula-la creación e xestión cultural, razón pola que o Concello seguirá apoiando o talento ao tempo que se difunde o traballo de artistas consagrados/as e noveis, establecendo sinerxías con outras entidades coma, nesta ocasión, coa A.C. Barbantia, representada por Pilar Sampedro, quen compartiu co público a súa impresión sobre Che Tembra no momento no que se coñeceron anos atrás con motivo dun evento promovido polo colectivo cultural barbanzá. Tamén se referiu á biografía e traxectoria artística de Díaz Pardo, na que influíron creadores como Seoane. “Se na cabeza de Isaac cabe Galicia enteira, na de Che cabe ese recoñecemento ao país, a quen constrúa a nación”, apuntou.
Pola súa parte, o protagonista trasladou o agradecemento polo apoio e desexou que as persoas asistentes desfrutasen da arte alí exhibida.
A sala permanece aberta ao público de luns a venres, en horario de 10.00 a 13.30 e de 17.00 a 20.00 horas.