Despedida a un novo intercambio ao abeiro do Erasmus+ co IES da Pobra
O IES da Pobra do Caramiñal pecha un novo capítulo na súa vida educativa coa despedida, neste 12 de abril, a unha nova delegación de visitantes dentro do proxecto do Erasmus+: doce persoas (oito estudantes e catro profesores) procedentes do centro de estudos do Agrupamento de Escolas Dr. Ginestal Machado, en Santarém. A estadía do alumnado pobrense no país veciño produciuse no mes de febreiro e agora tocoulle ao portugués vir desfrutar da experiencia.
Durante esta semana afondaron no benestar emocional con distintas accións, ademais das habituais excursións para coñece-la contorna. Como manifestou o alcalde, José Carlos Vidal, durante a recepción no salón de plenos da casa do concello, “son experiencias moi positivas para a rapazada no seu crecemento persoal e académico”, pero tamén para o profesorado e as familias.
Días de vivencias, de intercambio de culturas, de aprendizaxe, de relacións sociais… unha combinación de ensinanza e actividades de lecer. A isto tamén se referiu o director do instituto, Alejandro Bobillo, quen asistiu coa representación do centro pobrense. Quixo agradece-la implicación das distintas partes activas desta iniciativa, tanto da comunidade educativa coma dos núcleos familiares e, por suposto, dos/as estudantes.
En representación da escola de Santarém falou Natalia Duarte, unha das profesoras. Amosouse moi agradecida por “levarnos a coñecer outra cultura, abrírno-las súas casas, os seus corazóns…”; unha viaxe da cal se enriqueceron e espremeron o que puideron, segundo apuntou.
O Concello recibiu como agasallo por parte da delegación portuguesa o libro Aves no Ribatejo. Alentejo, de José Freitas, mentres que eles e elas levaron cadansúa bolsa con material divulgativo sobre A Pobra, tralo cal o rexedor desexou que “agardo que esta sexa a primeira viaxe de moitas máis oportunidades de visita-la Pobra.”