Últimas Novas

Estrea do vídeo <i>25N: As mulleres falan</i> polo Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller

Estrea do vídeo 25N: As mulleres falan polo Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller

O Concello da Pobra do Caramiñal, a través da Concellaría da Igualdade, estreou ás 21.00 horas da xornada de onte o vídeo de sensibilización 25N: As mulleres falan con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, neste 25 de novembro.

Nesta peza audiovisual de algo máis de 12 minutos de duración, vinte mulleres da Pobra con distintos perfís responden preguntas ao redor desta data, o seu significado e importancia. Así, formúlanlles cuestións como “Pensas que é necesario un 25N?”, “Vives ou tes vivido algunha vez na túa vida ou de xeito habitual no teu día a día un comportamento machista ou algún micromachismo?”, “Cal pensas que é a causa ou causas da violencia cara ás mulleres por parte dos homes?” ou “Que lle dirías a unha muller que está a pasar por unha situación de violencia machista?”

As persoas interesadas pódeno visionar nas redes sociais, na canle do Youtube e na páxina web do Concello.

Esta acción enmárcase na programación impulsada pola Área da Igualdade co obxectivo de concienciar sobre a violencia de xénero para sensibilizar, previr e educa-la cidadanía coa finalidade de erradicar unha praga social que afecta toda a poboación. Concretamente, entre as actividades que se desenvolveron no mes de novembro figuran o obradoiro Dixitalizad@s. Eliminando a fenda dixital de xénero, a sexta edición das Xornadas Muller e Ciencia, o II Foro Muller e Liderado e o III Concurso de Relatos Breves Historias de Mulleres.

Cómpre lembrar que o Concello se adheriu neste 2020 a DE FRONTE á violencia de xénero, a nova campaña impulsada pola Deputación da Coruña. Ademais, a Administración local fai parte da campaña En negro contra as violencias, á cal leva adherida varios anos.