Últimas Novas

Gráfica coa evolución da pandemia na Pobra

Gráfica coa evolución da pandemia na Pobra

A presente gráfica reflicte a evolución da pandemia no noso municipio a través de dous parámetros. En azul, represéntase o número de casos nos últimos 14 días. Vemos así o mínimo de dez casos que se produciu a mediados de decembro de 2020 e como, a partir desa data, comezou a subir, ata estabelecer un máximo no día 8 de xaneiro de 44 casos. Dende entón comezou unha baixada que, por agora, non se pode considerar significativa.

Por outra banda, a liña vermella curva un parámetro diferente, a cal se basea tamén no número de casos nos últimos 14 días, pero estabelecendo o valor calculando a media dos casos dos últimos dez días: o que se chama a media móbil. Ten a utilidade de indicar mellor a tendencia que segue a pandemia, pois é menos sensíbel ás variacións bruscas que se poden dar dun día para outro pero que non se manteñen no tempo. Por este motivo, a súa forma é máis suave ca a do parámetro anteriormente mencionado, non crece de maneira tan acusada cando hai subidas bruscas, pero, en consecuencia, tamén se dobrega con máis dificultade.

Deste xeito, aínda que vemos descender claramente o indicador azul, o vermello aínda non o fai. A tendencia á baixa non ten aínda estabilidade, non é significativa, tal e como se mencionou.

Finalmente, a liña vermella máis grosa, a horizontal, sinala o límite dos 250 casos por cada 100 000 habitantes. Cando se cruzou coa azul entramos nunha fase en que era posíbel que pasásemos ó risco máximo, algo que se volve definitivo no momento en que se cruzan as dúas liñas vermellas. Para baixar de novo, é preciso conseguir que se volvan cortar, mais desta vez coa media móbil cara a abaixo.