Últimas Novas

I PREMIO CARLOS MOSTEIRO DE LITERATURA INFANTIL

I PREMIO CARLOS MOSTEIRO DE LITERATURA INFANTIL

O Concello da Pobra do Caramiñal convoca o I Premio Carlos Mosteiro de Literatura Infantil.

No pasado pleno ordinario do mes de setembro de 2017 a Concellería de Cultura presentou ao Pleno da Corporación unha proposta sobre o escritor Carlos Mosteiro, que recollía dous acordos: 1. Poñer o nome de Xosé Carlos Mosteiro Fraga a unha rúa do concello. A proposta é a actual Travesía Fernández Varela, onde se localiza o domicilio familiar. 2. Realizar diversas actividades de promoción e difusión da súa vida e da súa obra. Aprobouse por unanimidade.

Esta é polo tanto a primeira dunha serie de iniciativas que teñen como obxectivo homenaxear ao escritor pobrense, e ao mesmo tempo, e potenciar o uso da lingua galega, así como colaborar na formación de novas escritoras e escritores, escollendo esta modalidade, á que pertencen as obras do autor, a literatura infantil, que serve tamén como importante ferramenta para fomentar o uso do galego nas escolas e entre os e as máis novas, así como fomentar o seu gusto pola literatura dende as idades máis temperás.

O prazo para presentar as obras remata o 1 de xuño. A contía do premio é de 1.500 euros, pero ademais a obra gañadora será publicada na Colección Árbore da Editorial Galaxia.

Agradecer encarecidamente a colaboración da Asociación Cultural Barbantia, con quen contamos para organizar posteriores eventos de homenaxe ao escritor Carlos Mosteiro, e tamén á Editorial Galaxia pola súa disposición para a edición da obra gañadora.

Moitas grazas tamén á familia, que apoiou coa súa presenza a presentación pública do premio, e ogallá todas as actividades programadas sexan do seu agrado e lle podan servir para recordar con cariño e orgullo a Carlos.

Pódense consultar as bases na seguinte ligazón:

Bases I Premio Literatura Infantil Carlos Mosteiro