Últimas Novas

IGUALDADE

IGUALDADE

7 Xuño, 2016

A Concellaría da Igualdade ten como obxectivo principal contribuír a reduci-las desigualdades existentes entre mulleres e homes,  impulsando políticas transversais e de acción positiva, que contribúan a crear condicións e estruturas sociais que permitan que a igualdade entre mulleres e homes sexa real e efectiva.

A  igualdade de oportunidades é fundamental para o desenvolvemento da nosa sociedade, debe ser un compromiso asumido e interiorizado no ámbito municipal, de aí o II Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes 2015-2018 do Concello da Pobra do Caramiñal, que se aprobou e estabelece as seguintes áreas de intervención:

  • Área 1. Educación e formación en igualdade.
  • Área 2. Conciliación e corresponsabilidade.
  • Área 3. Prevención e tratamento da violencia de xénero.
  • Área 4. Información e participación activa.
  • Área 5. Saúde e benestar social.

Póñense á disposición da sociedade servizos e programas destinados a favorece-la igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, á erradicación da violencia de xénero e á conciliación da vida familiar e laboral.

Na Pobra do Caramiñal contamos cun recurso de atención ás mulleres dende o ano 2000, que se denomina Servizo de Información e Asesoramento Xurídico á Muller, cuxa responsáble é María José Pérez Piñeiro (avogada).

 

SERVIZO DE INFORMACIÓN, ASESORAMENTO XURÍDICO E ATENCIÓN PSICOLÓXICA PARA MULLERES:

Programa de promoción da igualdade e de prevención e tratamento da violencia de xénero que ofrece un servizo de atención integral ás vítimas de violencia de xénero e a mulleres en situación de vulnerabilidade, cunha atención xurídica e psicolóxica ás mulleres para mellora-la súa situación persoal, social e laboral e  proporcionando:

  • Orientación personalizada e confidencial nos procesos penais por violencia de xénero.
  • Información e tramitación de axudas e recursos.
  • Atención psicolóxica para intentar repara-los distintos aspectos persoais e vivenciais que foron malogrados na relación de violencia vivida.
  • Promoción da autonomía e independencia das mulleres, incidindo na inserción laboral, e na recuperación das súas fortalezas e capacidades.

A quen vai dirixido?

  • Mulleres vítimas de violencia de xénero e mulleres en situación de especial vulnerabilidade.
  • Fillas e fillos das mulleres vítimas de violencia de xénero.

 

Correo electrónico:  igualdade@apobra.gal

 

II PLAN DE IGUALDADE DE OPORTUNIDADES ENTRE MULLERES E HOMES 2015-2018:

Pode descargar o Plan premendo aquí. Tamén está a disposición o folleto informativo relativo aos dereitos das mulleres vítimas de violencia de xénero e a guía de linguaxe non sexista.

 

 

XOGO VIRTUAL E INTERACTIVO SOBRE A IGUALDADE:

O xogo virtual Canto sabes sobre igualdade? xa está á disposición para tódalas crianzas

A Concellaría da Igualdade da Pobra do Caramiñal informa de que xa está dispoñíbel para tódalas crianzas o xogo virtual e interactivo Canto sabes sobre igualdade?, o cal se enmarcaba na programación deseñada para este ano polo Día Internacional da Muller, no 8 de marzo, e que estaba dirixido a alumnado da primaria no Salustiano Rey Eiras e no Pilar Maestú Sierra. Financiada polo Pacto de Estado contra a violencia de xénero e polo Ministerio da Igualdade, pódese acceder á referida actividade a través da seguinte ligazón: https://view.genial.ly/6045d27f5641fc0d99e88ef2.

Cómpre lembrar que o Concello da Pobra do Caramiñal escolleu para este 2021 o lema “A igualdade comeza pola educación”, polo cal gran parte da programación se desenvolveu nos centros educativos do municipio, abranguendo os diferentes graos de ensinanza.