Últimas Novas

II Xornadas de Literatura Infantil Carlos Mosteiro do Concello da Pobra do Caramiñal (2019)

II Xornadas de Literatura Infantil Carlos Mosteiro do Concello da Pobra do Caramiñal (2019)

No día 21 de novembro de 2019 realizaranse as II Xornadas de Literatura Infantil Carlos Mosteiro, no auditorio do Museo Valle-Inclán, ás 20.30 h do serán.

Contaremos coa presenza de Pilar Sampedro, experta en literatura infantil, quen ademais foi docente e tamén asesora da consellaría na área dedicada ás bibliotecas escolares; ela explicaráno-las características da obra narrativa do escritor Carlos Mosteiro (1955-2017).

A seguir, procederemos á entrega do II Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro, convocado polo Concello da Pobra do Caramiñal xunto coa editorial Galaxia e maila asociación cultural Barbantia, cuxo gañador nesta segunda edición (2019) foi Xosé Antonio Neira Cruz, coa súa obra  O enigma do baúl pechado, segundo o veredicto unánime do xurado do concurso, dado a coñecer no día 3 de xullo de 2019.

       A obra será publicada por Galaxia na súa colección “Árbore”.

O dito veredicto do xurado literario destacou a fermosura da linguaxe poética empregada polo autor, malia tratarse a temática dunha cuestión dura e difícil como son as dificultades que moitas veces teñen as persoas inmigrantes para se integraren entre nós, tanto dende o punto de vista social coma cultural. Asemade, o libro de Xosé Antonio Neira Cruz destaca por aborda-la trama dende unha proposta que se achega ó realismo marabilloso que entronca perfectamente coa vella e fecunda tradición literaria que vén dende o escritor Álvaro Cunqueiro ata os nosos días. Finalmente, salienta a habilidade narrativa para ter pendente o lector ou a lectora durante todo o libro ó redor dun baúl e o enigma que agocha. O xurado coida que é un libro que pode servir, tamén, para sensibiliza-las lectoras e lectores sobre a grande importancia da defensa da igualdade e a loita contra dos prexuízos.

Pecharémo-lo acto literario cunha fermosa actuación musical da escola de música pobrense.

A entrada é libre ata se enche-la cabida do local.

Non o perdan!

Máis información relacionada co concurso literario en

II Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro