Últimas Novas

Iniciadas as obras no arquivo municipal da Pobra para erradica-las filtracións

Iniciadas as obras no arquivo municipal da Pobra para erradica-las filtracións

No venres 20 comezou a intervención focalizada no arquivo municipal da Pobra para soluciona-los problemas que se viñan producindo como consecuencia, principalmente, das filtracións de auga. Así o comunicaron o alcalde, Xosé Lois Piñeiro, e a concelleira da Cultura, Patricia Lojo.

A edil manifestou que a obra consiste na impermeabilización de toda a parte exterior que comprende o arquivo -situado no semisoto do Concello-, a entrada ás instalacións da Policía local e mailas escaleiras de acceso ao consistorio pola parte traseira.

Máis polo miúdo, procederase ao picado e demolición por medios mecánicos do pavimento existente, incluído o desentullo e a retirada a un vertedoiro autorizado; á apertura dunha roza perimetral para o remate da impermeabilización cunha selaxe con masilla elástica de poliuretano; ao tratamento previo do soporte mediante o abrasivo mecánico; á aplicación de imprimación seladora Primer B2 sobre o soporte; á aplicación de dúas capas de lámina impermeabilizante Bituthene 4000S, autoadhesiva de aplicación en frío, de polietileno e caucho betume adherida ao soporte; á administración de materiais que conforman unha membrana elastomérica, elástica e impermeable que se fixa firmemente en zonas críticas e remates; á subministración e colocación de Geotextil P.P. 120 gramos; e a novos acabados e tratamento da zona de escaleiras de acceso ao edificio.

A intervención está sendo realizada por Impernosa e comporta un investimento de 48 374 euros, con cargo aos orzamentos municipais. Está previsto que estas obras conclúan antes de que finalice o ano 2020.

Pola súa parte, o rexedor sinalou que era un problema que se viña dando no tempo, para o cal xa se efectuaran varias accións como, por exemplo, os 14 000 euros investidos no pasado mandato, sen erradicárense as filtracións. En consecuencia, apuntou que “decidimos facer esta actuación, que é moi drástica, levantándose todo e colocándose esa lámina impermeabilizante, e esperamos dunha vez por todas solucionar este problema.” Así mesmo, anunciou a existencia dun proxecto para construír encima do arquivo unhas novas dependencias con oficinas, “polo tanto, fixemos que a aplicación que se vai poñer na superficie finalmente cadre con ese proxecto.”