Últimas Novas

INSTRUCIÓNS do Concello da Pobra do Caramiñal: precaucións cos colectores do lixo para evitar contaxios (Covid-19)

INSTRUCIÓNS do Concello da Pobra do Caramiñal: precaucións cos colectores do lixo para evitar contaxios (Covid-19)

            Nunha situación de alarma sanitaria coma a que estamos a vivir debemos intensifica-las accións preventivas, que diminúan ó máximo o risco de contaxio.

Os contedores de lixo poden ser un foco de transmisión do Covid-19. A alternativa de deixalos abertos para así non ter que tocalos pode provocar outro problema sanitario. Animais como as gavotas, os cans ou os gatos entran dentro e arrastran cara a fóra os residuos, e logo esparéxenos pola rúa. Isto xa é un perigo polo estado de putrefacción en que se poden atopar. Pero tamén pode xera-la proliferación de pragas de insectos ou de roedores e, asociadas a esta última, de pulgas e outros parasitos responsábeis da transmisión de enfermidades diversas.

Estas condicións insalubres só serían aceptábeis se non existise outra opción que permita evita-lo contaxio na acción de tira-lo lixo no contedor. Pero si existe, é por iso este concello toma a seguinte determinación:

os contedores do lixo deberán permanecer pechados e só se abrirán para o seu uso, tal e como se fai en circunstancias normais.

Como recomendacións para evitarmos calquera risco de contaxio, o Concello da Pobra estabelece as seguintes recomendacións:

◦ Lava-las mans con auga e xabón ou cun xel hidroalcohólico antes de baixa-lo lixo.

◦ Baixa-la bolsa do lixo nunha man e emprega-la outra para abri-lo contedor.

◦ Á volta non tocarmos absolutamente nada coa man con que abrímo-lo contedor. Emprega-la outra para abri-la porta, pulsa-lo botón do ascensor, a chave da luz etc.

◦ Lava-las mans con auga e xabón ou cun xel hidroalcohólico inmediatamente despois de chegarmos á casa.

◦ No caso de que non sexa posíbel seguir totalmente estas instrucións, lava-las mans antes e despois da operación debería ser suficiente para evitarmos calquera contaxio. E se é necesario pódese desinfectar con alcohol ou lixivia o pomo da porta ou calquera outra superficie.

◦ Pódense empregar luvas (guantes) para realiza-la tarefa, pero sempre usándoas de maneira axeitada, retirándoas sen tocar coa man a parte externa.