Últimas Novas

Marisa Villaseca expón parte da súa obra na Casa Mariñeira da Pobra

Marisa Villaseca expón parte da súa obra na Casa Mariñeira da Pobra

21 Xullo, 2021

A Casa Mariñeira alberga unha exposición pictórica, composta por un total de 45 cadros da artista Marisa Villaseca, nada na Estrada, pero que veranea na Pobra do Caramiñal dende hai máis de dúas décadas.

As técnicas empregadas son o óleo e o acrílico, e as escenas representadas inspíranse en fotografías e na vida cotiá. No que respecta á temática, esta resulta moi diversa, con predilección pola muller, persoas anciás, bailarinas, paisaxes marítimas, bodegóns, cabalos, aves e debuxos abstractos.

A mostra permanecerá ata o 15 de agosto na referida instalación, que se corresponde coa oficina do Turismo, situada nas inmediacións do parque do Castelo. As visitas poden realizarse de luns a sábado, en horario de 09.30 a 14.30 horas, seguindo as medidas implantadas por mor da COVID-19.

Xubilada no sector comercial, Marisa Villaseca xa amosaba inquietude polo mundo do debuxo dende pequena e hai 12 anos deulle o empuxe definitivo, anotándose así nas clases de Baldomero Calviño e comezando coa súa produción pictórica. Nos últimos anos, expuxo outras coleccións na Fundación Caixa Galicia Vigo, na Estrada.