Últimas Novas

Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal, XIX visita virtual diaria: “QUEDA NA CASA” vendo o teu museo!

Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal, XIX visita virtual diaria: “QUEDA NA CASA” vendo o teu museo!

COMO VIAXAR SEN SAÍR DA CASA

VISITA VIRTUAL Ó MUSEO VALLE-INCLÁN   

A peza desta xeira dominical, este cartel de don Isaac Díaz Pardo, ten a súa historia humana e sentimental.

A dita historia ten as súas orixes nas reiteradas visitas do director do Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal ó Instituto Galego da Información (IGI) e mais á fábrica do Castro. Sempre don Isaac xenerosamente doaba cousas “para a Casa de don Ramón“.

Este cartel non é un cartel máis. É a impresión “proba de autor”, ou primeira edición, previa a levar ó prelo unha obra gráfica e imprimila en multicopia. Era unha das pezas súas que conservaba no seu escritorio. Alí don Isaac entregouna en man ó director do Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal por volta de 2002. Como sempre dicía agarimosamente, “para a Casa de don Ramón“, o cal lle confire un valor engadido.

Don Isaac era un grande admirador de Valle-Inclán. Bo coñecedor de artistas plásticos, escritores e intelectuais que o chegaran a coñecer ou que, sobre todo, fixeran obras inspiradas no universo valleinclaniano.

Foi esta unha das grandes obras deseñadas por Díaz Pardo e entregada en persoa ó director do Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal para nel ser conservada e mostrada publicamente.

Por acaso, don Isaac Díaz Pardo acabou falecendo no mesmo día ca o seu admirado Valle-Inclán, 5 de xaneiro (de 1936 don Ramón; de 2012 don Isaac), e están soterrados mesmo un a carón do outro na entrada do cemiterio compostelán de Boisaca, ó lado doutros escritores e intelectuais galegos.

 

Peza do día: domingo 5 de abril de 2020

Cartel para Ligazón e El embrujado

Dir. Ricard Salvat

Barcelona

Isaac Díaz Pardo

Litografía en cartón

1972

Proba de autor

Museo Valle-Inclán (A Pobra do Caramiñal)

O pobre de pedir pode facer moitas cousas más sen condena-la súa alma. O pobre de pedir di que non hai ladróns no mundo, porque a el ninguén lle rouba. O pobre de pedir di que non hai asasinos no mundo, porque a el ninguén lle quere mal. O pobre de pedir di que non hai odio entre as familias, porque el é coma unha pedra que roda. O pobre de pedir di que non hai preitos polas herdanzas, porque el non ten nada que deixar. […] Sabedes vós quen está máis ó bordo de se condenar? O rei!

(Valle-Inclán: O enmeigado. Traxedia das terras do Salnés, 1912)

 

(Cita orixinal castelá)

 

El pobre de pedir puede hacer muchas cosas malas sin condenar su alma. El pobre de pedir dice que no hay ladrones en el mundo, porque a él nadie le roba. El pobre de pedir dice que no hay asesinos en el mundo, porque a él nadie le quiere mal. El pobre de pedir dice que no hay odio entre las familias, porque él es como una piedra que rueda. El pobre de pedir dice que no hay pleitos por las herencias, porque él no tiene nada que dejar. […] ¿Sabéis vosotros quién está más al pique de condenarse? ¡El Rey!

(Valle-Inclán: El embrujado. Tragedia de tierras del Salnés, 1912)