Últimas Novas

No 21 de febreiro remata o prazo para participar no concurso fotográfico do Entroido pobrense

No 21 de febreiro remata o prazo para participar no concurso fotográfico do Entroido pobrense

A Concellaría da Cultura da Pobra do Caramiñal, da cal é titular a edil Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), impulsou para o Entroido deste ano o concurso fotográfico Choqueirada na casa. Trátase dunha alternativa que conxuga o desfrute desta tradición co feito de pór en valor a recuperación da figura do choqueiro respectando as medidas sanitarias adoptadas debido á COVID-19.

A presentación das imaxes será en formato dixital JPG a través do enderezo electrónico culturapobra@gmail.com, indicando o nome do disfrace, categoría, nome e apelidos da persoa que concursa e un número de teléfono de contacto. O prazo abriu ás 00.00 horas do día 12 de febreiro e rematará ás 23.59 horas do día 21 deste mesmo mes.

Estabelécense para o citado concurso cinco categorías: a infantil (ata 12 anos); a xuvenil (de 13 a 17); a adulta (a partir de 18); a familiar (grupo de persoas conviventes); e a categoría especial (imaxe antiga de choqueiros na Pobra do Caramiñal).

A iniciativa repartirá 2000 euros en vales de compra para utilizar nos estabelecementos locais que toman parte, arredor de 50. Para as modalidades infantil, xuvenil, adulta e familiar estabelécense 3 premios (primeiro de 200 euros, segundo de 150 e terceiro de 100), mentres que a foto antiga terá o premio especial de 200 euros.

O xurado, composto por persoas pertencentes a diferentes entidades relacionadas coa cultura, valorará a orixinalidade do disfrace e dos recursos empregados. O ditame realizarase no 26 de febreiro e as persoas gañadoras anunciaranse na páxina web do Concello e serán notificadas polas vías de contacto que deixasen.

Calquera dúbida será atendida na casa da cultura Raquel Fernández Soler ou a través do teléfono de contacto do mesmo departamento: 981831545.

As bases están publicadas en www.apobra.gal e entre os requisitos figura unha foto por participante e modalidade co lema ‘Choqueirada na casa 2021’.