Últimas Novas

O auditorio pobrense acollerá unha charla relativa á crise enerxética

O auditorio pobrense acollerá unha charla relativa á crise enerxética

28 Outubro, 2021

A Concellaría do Medio Ambiente da Pobra do Caramiñal, da cal é titular a edil Genoveva Hermo (Nós Pobra), e a Asociación Véspera de Nada por unha Galiza sen petróleo organizan o coloquio Crise enerxética e límites do crecemento. Será no 5 de novembro, ás 20.00 horas, no Auditorio do Museo Valle-Inclán, e contará coa intervención de Begoña de Bernardo, presidenta da Asociación Véspera de Nada e membro da Rede de Decrecemento Eo-Navia I Galiza I O Bierzo.

Na charla contextualizarase a actual crise de enerxía e recursos que, máis alá dunha cuestión conxuntural, ten a súa orixe precisamente no feito de ter chegado ou estar a piques de chegar aos límites biofísicos do planeta, aos límites da extracción de moitos recursos.

A referida asociación nace en 2008 coa finalidade de facer un labor de información e divulgación con respecto da chegada ao cénit da produción do petróleo e outros combustibles fósiles, e das repercusións que isto terá para a economía e a vida a nivel global.

Para asistir requírese a inscrición previa a través do enderezo electrónico medioambiente@apobra.gal, indicando o nome, os apelidos e un teléfono de contacto. Tamén é posible anotarse in situ no propio día do evento. Seguiranse as medidas implantadas por mor da COVID-19.