O auditorio pobrense albergou nesta tarde unha charla sobre a crise enerxética
O coloquio Crise enerxética e límites do crecemento impartiuse na tarde deste 5 de novembro no Auditorio do Museo Valle-Inclán e contou coa intervención de Begoña de Bernardo, presidenta da Asociación Véspera de Nada e membro da Rede de Decrecemento Eo-Navia I Galiza I O Bierzo, así como da concelleira do Medio Ambiente, Genoveva Hermo (Nós Pobra), quen presentou á relatora.
Contextualizouse así a actual crise de enerxía e recursos que, máis alá dunha cuestión conxuntural, ten a súa orixe precisamente no feito de ter chegado ou estar a piques de chegar aos límites biofísicos do planeta, aos límites da extracción de moitos recursos, especialmente do petróleo, do que a sociedade actual é moi dependente.