Últimas Novas

O Concello da Pobra adquire o local do antigo restaurante O Lagar

O Concello da Pobra adquire o local do antigo restaurante O Lagar

Na área multiusos da Casa da Mocidade

Na área multiúsos da Casa da Mocidade

A Administración local pobrense formalizou a semana pasada a compra do local do antigo restaurante O Lagar. Tal e como manifestou o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), o edificio presenta unhas características “singulares e idóneas” para unha finalidade sociocultural, ademais de afirmar que no termo municipal non existían outras dependencias que reunisen tódalas calidades para tal pretensión. Destacou tamén a súa situación ao se atopar no centro urbano, nunha das zonas máis densamente poboadas, e con posibilidade de ampliar a dous niveis máis e, incluso, un baixo cuberta, de ser necesario.

A edificación consta dunha planta en semisoto (276 m²), unha baixa (276 m²) e unha primeira (307 m²). Na actualidade dispón de tres accesos dende o exterior. Unha destas entradas é a do coworking, o cal leva en funcionamento dende abril de 2017. Conta con capacidade para dez emprendedoras e emprendedores e divídese en estancia para reunións, sala de audiovisuais, cociña con área de descanso e aseo. O segundo dos accesos comunica este espazo de traballo colaborativo coas escaleiras que conducen ao primeiro andar, así como cun despacho que se comunica coa cociña, onde se atopa o terceiro dos accesos. Nas inmediacións deste atópanse outras escaleiras, as cales baixan ata o soto, que poderá ser empregado como almacén (dispón dun montacargas que se comunica directamente coa rúa) e que aínda ten en condicións de uso as cámaras frigoríficas do antigo restaurante, razón pola cal se poderían, eventualmente, conservar alimentos frescos. Na cociña tamén está presente un ascensor que comunica co soto e co primeiro nivel. Neste último é onde está habilitada a Casa da Mocidade que se estrutura nunha ampla área multiúsos (con escenario, equipamento de son, pantalla, proxector e mobiliario) e nunha sala de traballo dotada de mesas, ordenadores portátiles e unha pantalla táctil. Neste piso tamén están dous talleres que forman parte do FabLab. E hai dous servizos. Cómpre indicar que o inmoble conta con auga quente, calefacción e extracción de aire.

Así mesmo, o rexedor explicou que a alternativa sería a adquisición dunha parcela das mesmas proporcións e a construción dun local igual, pero que “suporía a necesidade dun tempo moito maior para poñer en funcionamento os servizos previstos, e seguramente un maior investimento.” Por esta razón expresou que a compra deste edificio é “a mellor opción”, ademais de facer fincapé nas posibilidades que ofrece.

Aproveitou a ocasión para traslada-lo agradecemento ás anteriores persoas propietarias pola actitude e facilidades amosadas no transcurso de todo o proceso.

Nun dos talleres do FabLab que forma parte da Casa da Mocidade

Nun dos talleres do FabLab que forma parte da Casa da Mocidade

A concelleira da Facenda e da Promoción Económica, Charo Varela (Nós Pobra), detallou que no expediente de adquisición da edificación consta un informe de valoración económica realizada por un equipo técnico especializado que determinou un valor de 452 052 euros. Para a dotación da partida orzamentaria necesaria, o Concello abriu un expediente para a licitación dunha operación de endebedamento, da cal resultou adxudicataria ABANCA Corporación Bancaria S.A. Deseguido, iniciouse o expediente administrativo de contratación patrimonial para a adquisición do local, co prezo de partida estipulado no informe de valoración. As persoas propietarias fixeron unha oferta cunha redución de 7 052 euros, polo cal o prezo final se situou nos 445 000 euros, contía que foi aceptada pola Administración local, e chegou a formalizarse a compra no día 3 de marzo.

O investimento realizado no inmoble por parte do Concello foi de aproximadamente 130 000 euros para a dotación do coworking e da Casa da Mocidade.

A edil destacou a importancia desta operación, pois permite poñer en valor e asegurar que os servizos que xa se puxeron en marcha teñan continuidade no futuro.

Pola súa parte, o concelleiro da Mocidade, José Andrés Lojo (Nós Pobra), declarou que a compra permite habilitar unha recepción no espazo que se atopa a carón da entrada principal. A intención do executivo é que un traballador ou traballadora municipal estea atendendo presencialmente un horario fixo á semana, ademais de contribuír a dinamiza-lo local, se ben o obxectivo é que algún día se poida autoxestionar por parte da xente moza.

Finalmente, o edil da Mobilidade, Xabier Santos (BNG), sinalou que a compra permite acceder a unha área necesaria para executar obras que melloren a accesibilidade. En primeiro lugar será precisa a construción dunha rampla. Logo estudarase como dispor do ascensor da maneira máis axeitada, tendo en conta que na actualidade se abre en dúas zonas que terán uso por si mesmas: a cociña e un dos talleres do FabLab.