Últimas Novas

O Concello da Pobra convoca un proceso selectivo para formar unha bolsa de emprego para a brigada de prevención de incendios

O Concello da Pobra convoca un proceso selectivo para formar unha bolsa de emprego para a brigada de prevención de incendios

16 Xuño, 2021

Unha vez aprobadas as bases reguladoras que rexerán o proceso selectivo para a formación dunha bolsa de emprego para a contratación de membros da brigada de prevención de incendios, o Concello da Pobra do Caramiñal efectúa a convocatoria das probas selectivas mediante un concurso-oposición para a cobertura en réxime laboral temporal. Concretamente, os postos de traballo ofertados son os de capataz, condutor/condutora e peóns/peoas da brigada para a participación na prevención e defensa contra os incendios forestais.

Cómpre indicar que se atopa ó abeiro da segunda addenda ao convenio interadministrativo subscrito entre a Consellería do Medio Rural e a entidade local para a participación na prevención e defensa contra incendios forestais durante o 2019, cofinanciado parcialmente co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, pola cal se prorroga a vixencia do dito convenio ata 31 de decembro de 2021, e na cal se financia a contratación dunha brigada de 5 membros para a realización de tarefas de prevención, defensa e extinción de incendios forestais durante tres meses.

Será preciso reunir unha serie de requisitos, referidos á data en que remate o prazo de presentación de instancias, ademais dos de carácter específico en función do posto a que se opte.

As persoas interesadas deberán solicita-la súa participación mediante a presentación da instancia que se recolle no anexo II das mencionadas bases, dirixida ó alcalde. As solicitudes presentaranse a través da sede electrónica municipal ou no rexistro xeral de entrada do Concello da Pobra do Caramiñal, en horario de 08.00 a 14.00 horas, no prazo de 5 días hábiles que se contarán a partir do seguinte ó da publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia da Coruña (BOP), neste mércores 16. Se optaren por entregala nunha oficina de Correos, farano nun sobre aberto para que a instancia sexa datada e selada pola funcionaria/o de Correos antes de ser certificada. Neste caso e cando se presente a instancia noutro rexistro público diferente ó da Administración local pobrense, as persoas solicitantes, antes de remata-lo prazo de presentación de solicitudes, deberán remitir unha copia escaneada da instancia debidamente selada ou rexistrada ó enderezo electrónico rexistro@apobra.gal. Xunto coa solicitude débense achega-las copias simples dos documentos indicados nas bases. Toda a información detallada está á disposición no taboleiro de anuncios do Concello e na referida sede electrónica.