Últimas Novas

O Concello da Pobra executa a mellora de vías municipais no ámbito rural

O Concello da Pobra executa a mellora de vías municipais no ámbito rural

30 Setembro, 2022
Inicio da actuación no Cruceiro Novo

Inicio da actuación no Cruceiro Novo

O alcalde da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), e a concelleira dos Servizos Municipais, Estefanía Ramos (Nós Pobra), desprazáronse ata distintas vías municipais para constata-lo estado trala súa mellora, ademais de anunciaren novas intervencións con cargo ao crédito aprobado no pleno polo valor de 300 000 euros.

Unha delas focalízase na parroquia de Santo Isidro de Posmarcos e comprende dous tramos: do Cruceiro Novo ao Foxo e de Armental á Conga. Comezou xa coa limpeza de cunetas e coa súa perfilaxe para, posteriormente, estender aglomerado asfáltico e adapta-las tapas de rexistro existentes á nova cota de rasante da estrada. A empresa Fermín Simal S.L. é a encargada da súa execución, que comporta un investimento total de 46 197’80 euros, IVE incluído.

Concluída a intervención no Outeiro

Concluída a intervención no Outeiro

Recentemente finalizou a obra na pista do Outeiro para dar acceso ás vivendas. Procedeuse coa limpeza de cunetas, axuste da pendente do terreo e entradas ás casas existentes, aplicación de balastro artificial e triplo rego asfáltico, ademais de acomoda-los pozos e arquetas ao novo nivel. O orzamento ascendeu a 12 076’16 euros, IVE incluído, e foi realizada pola empresa xa referida.

Finalizadas as obras no lugar da Costa. Camiño 1

Finalizadas as obras no lugar da Costa. Camiño 1

Finalizadas as obras no lugar da Costa. Camiño 2

Finalizadas as obras no lugar da Costa. Camiño 2

Así mesmo, no lugar da Costa dotouse de firme dous camiños para tamén dar entrada a domicilios. Consistiu na limpeza e explanación da superficie existente para subministrar balastro artificial e aplicar pavimento. Excavaciones Nima S.L. asumiu a actuación cun importe total de 11 501’05 euros, IVE incluído.

Neste proxecto de mellora inclúense máis accións futuras no ámbito rural como, por exemplo, na Gándara ou Gonderande.