Últimas Novas

O Concello da Pobra recibirá os fondos que lle corresponden do IDAE

O Concello da Pobra recibirá os fondos que lle corresponden do IDAE

30 Decembro, 2021

Despois dun longo procedemento administrativo, no cal foi preciso responder numerosos requirimentos e presentar todo tipo de documentación, o Concello da Pobra do Caramiñal recibiu neste mes de decembro a notificación por parte do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) de que se dá por finalizado o procedemento de xustificación da subvención para a renovación e adaptación dos alumeamentos públicos. Por este motivo espérase recibi-lo ingreso nas arcas municipais no inicio do 2022.

A dita achega atópase adscrita ao programa destinado a proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono (FEDER-POPE 2014-2020).

O investimento total acadou os 733 875’12 euros, dos cales 554 027’80 euros proceden da referida subvención e, o restante, das arcas municipais.

A actuación realizouse nun total de 2 671 puntos de luz dos 3 188 existentes no municipio, eliminando 31 deles e instalando 10 novos puntos para reforza-la iluminación nos pasos peonís. Estas novas luminarias son de tecnoloxía LED cun sistema de regulación. No relativo aos cadros de mando, procedeuse en 59 dos 62 existentes para adaptalos á normativa vixente. Así mesmo, substituíronse equipos de acendemento.

Todo isto redunda nun aforro enerxético do 70’58%.