Últimas Novas

O concurso do Entroido pobrense xa ten as fotografías gañadoras

O concurso do Entroido pobrense xa ten as fotografías gañadoras

O xurado do concurso fotográfico Choqueirada na casa reuniuse na tarde deste venres 26 para determina-las imaxes gañadoras desta proposta que se concibiu para o Entroido pobrense neste 2021. Os premios consisten en vales de compra para utilizar nos estabelecementos locais que participan nesta iniciativa. Para as modalidades infantil, xuvenil, adulta e familiar estabelécense 3 premios (primeiro de 200 euros, segundo de 150 e terceiro de 100); mentres que a foto antiga ten o premio especial de 200 euros.

Das máis de cen fotografías presentadas, o xurado ditaminou que as distincións recaesen da seguinte maneira: na categoría infantil, o primeiro galardón é para ‘A raíña das flores murchas’, o segundo para ‘Sra. Marquesa’ e o terceiro para ‘A vella do visillo’; na xuvenil, ‘Unha vella nos tempos da COVID’ queda de primeira e os outros dous quedan sen adxudicar por non se presentaren máis fotos; na adulta, ‘Moscón Fardón’ leva o primeiro posto, seguido de ‘A ladroa dos calcetíns da lavadora’ e de ‘A Queen da casa’. No que respecta á familiar, o ouro vai parar a ‘A familia Trapisonda’, a prata a ‘El inviolable’ e o bronce a ‘Secretos de choqueiros confinados’. Por outra banda, o premio especial á imaxe antiga outórgaselle a ‘Luces de bohemia nos Xardíns de Valle-Inclán’.

Organizada pola Concellaría da Cultura, da cal e titular a edil Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), esta iniciativa botou a andar coa pretensión de conxuga-lo desfrute da tradición entroideira co feito de pór en valor a recuperación da figura do choqueiro respectando as medidas sanitarias adoptadas debido á COVID-19.

 

Categoría infantil:

1º. ‘A raíña das flores murchas’

 

2º. ‘Sra. Marquesa’

 

3º. ‘A vella do visillo

 

Categoría xuvenil:

1º. ‘Unha vella nos tempos da COVID’

 

2º. Sen adxudicar

 

3º. Sen adxudicar

 

Categoría adulta:

1º. ‘Moscón Fardón’

 

2º. ‘A ladroa dos calcetíns da lavadora’

 

3º. ‘A Queen da casa’

 

Categoría familiar:

1º. ‘A familia Trapisonda’

 

2º. ‘El inviolable’

 

3º. ‘Secretos de choqueiros confinados’

 

Categoría da foto antiga:

Luces de bohemia nos Xardíns de Valle-Inclán’