Últimas Novas

O inventario de camiños da Pobra actualizarase no vindeiro ano

O inventario de camiños da Pobra actualizarase no vindeiro ano

23 Decembro, 2021

O Concello da Pobra do Caramiñal procederá no primeiro trimestre do próximo exercicio a actualiza-lo inventario de camiños municipal, unha vez finalizado o proceso de revisión das preto de mil vías do termo municipal, segundo anunciaron o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), e a concelleira dos Servizos Municipais, Estefanía Ramos (Nós Pobra).

Destacaron tamén a importancia deste rexistro e da súa revisión por parte da veciñanza, pois constitúe a ferramenta previa que descarga tódolos datos no Plan xeral de ordenación municipal (PXOM).

Trala publicación do anuncio no Boletín Oficial da Provincia da Coruña (BOP), os veciños e veciñas disporán de 20 días hábiles para formula-las alegacións que consideraren oportunas no que respecta a este inventario. Cómpre indicar que as persoas que xa presentaron as súas alegacións nos últimos anos non teñen que volver repeti-lo proceso.

Para calquera dúbida ou a consulta do inventario, a cidadanía pode dirixirse ao Departamento de Urbanismo, situado na planta baixa da casa consistorial.