Últimas Novas

O marisqueo a pé continúa chamando a atención de visitantes da Pobra

O marisqueo a pé continúa chamando a atención de visitantes da Pobra

27 Xullo, 2022

Un novo grupo de visitantes puido experimenta-lo marisqueo a pé a través dos talleres que impulsa a Concellaría do Turismo coa colaboración da asociación Mar da Pobra. Esta proposta lúdico-formativa focalizouse onte na praia dos Raposiños, onde comprobaron o proceso extractivo dos bivalvos da man das mariscadoras tras unha charla introdutoria ofrecida por unha das técnicas do Turismo do Concello.

Trátase dunha actividade xa consolidada na axenda estival, pois, en palabras da edil Charo Varela (Nós Pobra), xurdiu en 2017 para poñer en valor e transmiti-la tradición mariñeira da localidade e o oficio da xente do mar, ademais de concienciar sobre a importancia do coidado das contornas naturais. O éxito acadado fixo que se diversificase neste ano ofertándoa tamén a centros de ensinanza de toda Galicia no período lectivo.

As seguintes xornadas de turismo mariñeiro transcorrerán nos xoves de agosto (días 4, 11, 18 e 25) e venres de setembro (días 2 e 9), dividíndose entre as praias dos Areos e a dos Raposiños en función da marea. O prezo, que inclúe viseira e receitario, estipúlase en 12 euros por persoa adulta e será de balde para menores de 10 anos. As reservas pódense formalizar na oficina do turismo -situada na Casa Mariñeira-, a través dos teléfonos de contacto 671090262 e 687482835, ou mediante o enderezo electrónico turismo@apobra.gal.