Últimas Novas

O Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal inicia as súas visitas virtuais diarias: “QUEDA NA CASA” vendo o teu museo!

O Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal inicia as súas visitas virtuais diarias: “QUEDA NA CASA” vendo o teu museo!

COMO VIAXAR SEN SAÍR DA CASA

VISITA VIRTUAL Ó MUSEO VALLE-INCLÁN     

                                          Por responsabilidade e solidariedade social, todo o mundo, nós e vós, “QUEDAMOS NA CASA”. Nesta circunstancia excepcional, sempre co noso compromiso co labor comunitario e coa democratización do coñecemento, dende esta semana e mentres dure a actual crise sanitaria, ofertaremos unha iniciativa recreativa pensada para lles facermos máis levadío o día a día ás persoas que consulten este medio.

Cada xornada abrirémo-la colección patrimonial do Museo Valle-Inclán para vos ofrecermos unha escolma dos seus fondos. Seremos un MUSEO VIRTUAL para un público non presencial. Viaxaremos en compañía sen saírmos da casa.

Con esta sorte de coleccionábel ou de colaboración diaria descubrirémo-la ARTE e a CULTURA inspiradas para poñermos en valor o autor Ramón del Valle-Inclán, xenio e figura da literatura mundial.

Grazas á colaboración do persoal municipal de varias áreas do Concello da Pobra do Caramiñal (da dirección do Museo Valle-Inclán, da área do turismo, da área da cultura, e mais da área da lingua galega [SNL, Servizo de Normalización Lingüística] como autora das traducións das citas literarias, epistolares e xornalísticas de Valle-Inclán e de contemporáneos), que se compromete a levar adiante esta iniciativa ―abrir esta institución a tódalas olladas curiosas en tempos de peche― e, en especial tamén, grazas a que as persoas titulares do dereito de propiedade intelectual de obras de arte da súa autoría nos facilitan a súa distribución, comezaremos a sementar lecer, imaxes, letras e cultura.

Desfrutemos xuntas e xuntos e compartámo-los contidos plásticos e literarios.

Teñamos positividade e sigamos esta colección: o noso (e voso) MUSEO VIRTUAL.

Peza do día 18 de marzo de 2020

Ramón del Valle-Inclán

Por Álvaro Cebreiro

Caricatura

Ca. 1920

Orixinal

Col. Museo Valle-Inclán (A Pobra do Caramiñal)

A vida e a arte son unha eterna renovación… 

A xuventude debe ser arrogante, violenta, apaixonada, iconoclasta.

(Ramón del Valle-Inclán, prólogos, 1903)

 

(Cita orixinal castelá)

      La vida y el arte son una eterna renovación… 

La juventud debe ser arrogante, violenta, apasionada, iconoclasta.

(Ramón del Valle-Inclán, prólogos, 1903)