Últimas Novas

“O QUE ARDE”: dúas sesións domingo 2 de febreiro, ás 19 h e ás 21.15 h no teatro Elma

“O QUE ARDE”: dúas sesións domingo 2 de febreiro, ás 19 h e ás 21.15 h no teatro Elma

No domingo 2 de febreiro de 2020, no teatro Elma da Pobra do Caramiñal proxectaranse 2 sesións gratuítas do filme “O QUE ARDE”, ás 19 h e mais ás 21.15 h

Esta película, dirixida por Óliver Laxe, ten como principais protagonistas Amador Arias e Benedicta Sánchez.

Sinopse: ninguén espera Amador cando sae do cárcere tras cumpri-la súa condena por provocar un incendio. Regresa á súa casa, unha aldea perdida nas montañas lucenses, onde volverá convivir coa súa nai, a súa cadela Lúa e mailas súas tres vacas. As súas vidas transcorren ó ritmo sosegado da natureza, ata que todo cambia cando un lume violento arrasa a zona.

O que arde é unha lonxametraxe que abraiou a crítica, que a cualificou como “dunha beleza tan provocadora coma hipnótica” (El Mundo) ou “dunha sensibilidade penetrante” (The Hollywood Reporter). Este filme, cargado dunha gran visión poética, cun inicio que non deixa ninguén indiferente, tamén cativou os espectadores e espectadoras, ata chegar a se-la película máis vista en galego.

Foi galardoada con varios premios nos festivais en que foi presentada, entre eles o de Cannes (é o primeiro filme que se proxecta en Cannes en lingua galega), onde recibiu o premio do xurado na sección “Un certain regard”. Na pasada edición dos Goya, no día 25 de xaneiro, presentaba 4 candidaturas nas categorías de mellor película, mellor director, mellor actriz revelación e mellor dirección de fotografía, e acadou dous premios Goya da academia: un para Benedicta Sánchez, como mellor actriz revelación ós seus 84 anos, e outro para Mauro Herce, como mellor director de fotografía.

       Organizan a Concellaría da Cultura e mailo Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Pobra do Caramiñal.

         Unha película que ninguén debería deixar de ver.

A entrada é de balde ata se completa-la cabida do local.

Cómpre recolle-las entradas gratuítas no Elma no mesmo día da función, ata 30 min antes de cada sesión. Cada persoa poderá recoller ata dúas entradas (2 entradas).

Comezaranse a repartir domingo día 2 de febreiro ás 18.15 h do serán.