Últimas Novas

Os postos do mercado ambulante da Pobra volven á súa localización orixinal

Os postos do mercado ambulante da Pobra volven á súa localización orixinal

Na tarde do día 1 de marzo tivo lugar un encontro entre membros do goberno municipal da Pobra e representantes do mercado ambulante semanal para avalia-la situación cara a este mércores. O alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), acompañado da concelleira da Promoción Económica, Charo Varela (Nós Pobra), e do edil da Seguridade, José Andrés Lojo (Nós Pobra), reiteraron que as medidas adoptadas para a semana pasada eran provisionais e que, polo tanto, non supoñían o traslado definitivo do téxtil e do calzado á praza Alcalde Segundo Durán (praza Maior).

Finalmente, durante a xuntanza acordouse que a totalidade dos postos volva á súa localización orixinal. Co propósito de garanti-la distancia de seguridade, colocarase o 50% dos postos, os cales rotarán cada semana para que tódalas e tódolos comerciantes poidan retoma-la súa actividade. Ademais, optouse por non reduci-lo tamaño dos postos por non ser preciso para garanti-la separación.

Así mesmo, colocaranse dispensadores de xel hidroalcohólico, instalaranse carteis onde se especifiquen as medidas para seguir e haberá vixilancia.

Estas decisións veñen motivadas porque o concello da Pobra se atopa dende o día 28 de febreiro cunha incidencia acumulada de menos de 25 casos cada 100 000 habitantes. Esta evolución favorable da pandemia causada pola COVID-19 permite establecer unhas medidas de protección menos restritivas, en consonancia coas determinacións da Consellería de Sanidade publicadas na Orde do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do coronavirus na Comunidade Autónoma de Galicia.

Outra das cuestións para tratar foi que, no caso de que a evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 fose desfavorable e de que se producise un incremento no número de casos e a incidencia acumulada supere os 250 casos por cada 100 000 habitantes, é dicir, que se estableza o nivel de risco máximo, non se autorizará no lugar de instalación habitual, e o téxtil e o calzado pasarán nese caso a ocupa-la praza Alcalde Segundo Durán, mentres que a alimentación e as plantas se situarán diante do mercado municipal. Baixo estas circunstancias controlarase a cabida máxima, farase obrigatoria a desinfección de mans antes de entrar, vixiarase o cumprimento das normas de prevención fronte ao coronavirus e establecerase un sentido de circulación obrigatorio para as persoas usuarias.