Últimas Novas

ADIADAS TÓDALAS VIAXES DE MARZO: percorridos turísticos en veleiro: Ruta Xacobea do Mar da Arousa e Río Ulla, marzo e abril de 2020

ADIADAS TÓDALAS VIAXES DE MARZO: percorridos turísticos en veleiro: Ruta Xacobea do Mar da Arousa e Río Ulla, marzo e abril de 2020

O CONCELLO DA POBRA DO CARAMIÑAL INFORMA DE QUE SE ADÍAN TÓDALAS VIAXES EN VELEIRO DE MARZO, por mor da necesaria precaución sanitaria ante o coronavirus e as medidas decretadas polo Goberno do Estado durante o estado de alarma. Continuaremos a informalas/informalos no futuro. DESCULPEN!

 

            No día 19 de marzo de 2020 comezámo-las rutas en veleiro para navegarmos por parte da Ruta Xacobea marítimo-fluvial do Mar da Arousa e Río Ulla, a cal conmemora o traslado do apóstolo Santiago dende Palestina ata Iria Flavia.

É unha ruta de gran riqueza paisaxística e cultural. No seu transcurso pola ría da Arousa verase a costa de Boiro, Rianxo, A Illa de Arousa, Catoira e Vilagarcía de Arousa: praias, calas, cabos, enseadas, pontes e parte dos cruceiros que pertencen ó único viacrucis marítimo-fluvial do mundo.

E haberá máis viaxes: 28 e 29 de marzo; no mes de abril: 4 e 5;  na Semana Santa, dende xoves ata domingo, 9, 10, 11, e 12; e nas fins de semana, 18 e 19, 25 e 26.

É unha travesía guiada de 6 horas no veleiro. Pararase en Vilagarcía para comer (7 h de duración total a excursión).

Sairase ás 11.00 h do porto náutico da Pobra e regresarase sobre as 18.00 h. Viaxarase en grupos reducidos: como máximo 10 persoas poden ir en cada viaxe.

O lugar de venda dos tíckets será o punto de información turística situado, de momento, no Museo Valle-Inclán, de martes a sábado de 11.00 a 13.00 h e mais de 17.00 a 19.00 h.

Os prezos por persoa son de 12 €, pero para os/as nen@s menores de 12 anos, 8 €. As familias con máis dun/dunha neno/a terán desconto. É preciso o pagamento coa tarxeta.

No suposto de ir mal tempo, adiarase a viaxe para outro día.

Pódennos pedir máis información escribíndonos a turismo@apobra.gal ou chamándonos ó 671 090 262.

É un proxecto cofinanciado pola Consellaría de Cultura e Turismo da Xunta, que promove, organiza e financia a Concellaría de Turismo da Pobra do Caramiñal, anticipándonos ó Xacobeo 2021.