Últimas Novas

Permanece aberto o prazo de presentación de solicitudes do PEL-Reactiva da Pobra

Permanece aberto o prazo de presentación de solicitudes do PEL-Reactiva da Pobra

O Concello da Pobra do Caramiñal mantén aberto dende o día 11 e ata 25 de novembro o prazo de presentación de solicitudes do PEL-Reactiva, impulsado pola Deputación da Coruña. Así o deron a coñecer no día 11 membros do Goberno municipal: concretamente, o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra); a concelleira da Promoción Económica, Charo Varela (Nós Pobra); a edil das Relacións Institucionais, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE); e a homóloga do Desenvolvemento Local, Amparo Cerecedo (BNG).

A edil Charo Varela explicou que se trata dunha medida focalizada no eido económico-laboral e que, no caso concreto da Pobra, a contía asignada pola institución provincial é de 126 129’63 euros e o Concello debía achegar un mínimo de 31 532’41 euros adicionais procedentes dos seus recursos propios; mais, tal e como expuxo, decidiuse que a achega municipal sexa de 373 870’37 euros -con cargo ao remanente de 2019-, que se sumarán aos proporcionados pola Deputación, o cal redundará en ao redor de 500 000 euros, co propósito de “chegar ao maior número de empresas posibles.” Neste senso, fixo fincapé en que “cremos que é unha aposta importante” coa cal se agarda “paliar parte de toda esta crise”, insistindo en que se estudará unha posible liña de axudas, a maiores, para aquelas que non resultaron beneficiarias, a pesar de sufri-las consecuencias da crise.

Pola súa parte, a concelleira Patricia Lojo valorou “moi positivamente” estas axudas e indicou que a Deputación da Coruña, presidida por Valentín González Formoso, fixo “un grande esforzo” ao aproba-lo PEL-Reactiva, ao cal se adheriu a Administración local, “axudándonos aos Concellos a facer fronte a esta crise sanitaria que leva consigo unha gran consecuencia na nosa economía.” Engadiu que a contía da institución provincial “axudaranos a darlle un empuxón importante á economía da Pobra” e que as bases facilitan as tramitacións, ademais de incidir na relevancia da achega municipal. Concluíu manifestando que deben primar “boas relacións, boa comunicación e sacar adiante medidas e axudas para que todos poidamos ir un pouco mellor.”

Na súa intervención, a edil Amparo Cerecedo sinalou que se trata dun día importante ao se tratar “dunhas medidas, dunhas axudas, moi demandadas polo sector económico debido á situación que estamos vivindo.” Con relación a isto, focalizou a súa explicación no que respecta á tramitación, a cal cualificou como “moi sinxela”, e que se realizará de maneira telemática mediante a sede electrónica do Concello, dentro do apartado de ‘Trámites destacados’, onde figuran os anexos e a documentación que resulta preciso presentar. Ademais, póñense ao dispor da cidadanía dúas persoas técnicas da área do Desenvolvemento Local. Deste xeito, animou a que “tódolos autónomos, hostaleiros, comerciantes e empresas as tramiten e que chamen para calquera dúbida.”

Finalmente, o rexedor expresou que se establecerán criterios, dentro dos tres grupos de empresas que optan a ser beneficiarias. Tamén insistiu na importancia da presentación das solicitudes. Con relación á contía asignada, analizarase a posibilidade de sacar unha segunda liña “se consideramos que é xusto e necesario para que chegue a axuda.”

Como posibles beneficiarias destas axudas figuran, por orde preferente, tres tipos de empresas: no grupo 1 enmárcanse aquelas que pecharon durante o confinamento de forma obrigatoria seguindo o Real decreto 463/2020; ao grupo 2 adscríbense aquelas cuxa facturación no segundo trimestre fiscal de 2020 se vise reducida, polo menos, nun 75%; e no grupo 3 atópanse as sometidas a ERTE.

A contía vai dende os 1500 euros por unha empresa que non teña ningunha persoa empregada ata 3000 euros para aquelas cuxo cadro de persoal se compón de entre 6 e 9. Ademais, o período subvencionable abarcará dende 1 de marzo ata 31 de decembro de 2020.

As ditas subvencións xustifícanse coa compra de material antiséptico ou desinfectante, produtos hixiénicos e de limpeza; arrendamentos e canons; reparación e conservación; primas e seguros; e subministracións.

Entre os requisitos figuran te-lo domicilio fiscal na Pobra, estar ao corrente de tódalas obrigas tributarias -tanto estatais coma da comunidade autónoma-, non ter ningunha débeda co Concello e cumprir con tódalas obrigas establecidas nas bases.