Últimas Novas

Peza do mes no Museo Valle-Inclán

Peza do mes no Museo Valle-Inclán

    CARTA AUTÓGRAFA

10 de xullo de 1912

Ramón del Valle-Inclán Peña

Liceo de América

Madrid

Papel, tinta

Manuscrito

Prego, 4 páxinas, 2 escritas

13,1 cm  x 20,1 cm

O Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal traballa na especialización de fondos patrimoniais e de servizos públicos propios dunha casa museo de autor, poñendo empeño na incorporación dunha sorte de materiais de carácter orixinal, único e accesíbel á cidadanía e á investigación, a través da compra, doazón ou depósito.

De entre os documentos reunidos, o curto epistolario da súa propiedade reúne manuscritos de persoeiros destacados para a historia de España e da Galiza en particular: nomes da valía de Manuel Murguía, Alfredo Brañas, Joaquín Díaz de Rábago, Victoriano García Martí ou Ramón del Valle-Inclán, entre outras figuras menos recordadas na actualidade.

Este tipo de manuscritos, é dicir, de escritos anotados da súa propia man polos seus autores, suscitan un grande interese biográfico para coñecermos de preto estas figuras, pois ofrecen informacións, reflexións ou comentarios da exclusiva esfera privada, comunicados na confianza e na intimidade existente entre a persoa remitente e a destinataria, e por tanto, con datos alleos á simulación da súa personalidade ou ó interese de promoción social da súa imaxe pública.

As cartas autógrafas dirixidas por Ramón del Valle-Inclán a Manuel Azaña entre 1921 e 1923 son previas ós seus abertos postulados republicanos da década de 1930; uns anos vinte nos cales as relacións entre ámbolos persoeiros se acrecentan; tempos fértiles de intercambio de opinións literarias, intelectuais e políticas, cando o Azaña escritor e director de revistas literarias como La Pluma recibe orixinais de Valle-Inclán, o cal lle confía publicacións e xestións editoriais.

Entre os orixinais deste período, os datados en 3 de abril de 1921, na Mercé, 10 de xullo de 1922, en Madrid, e 28 de decembro de 1922, na Pobra do Caramiñal, custódianse neste Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal, estando as restantes na Biblioteca Nacional. Da súa lectura sabemos do envío do esperpento “Los cuernos de Don Friolera”, ácido teatro social en que don Ramón critica os prexuízos morais dunha España decadente ―faino dende o casal da Mercé―, e igualmente da derradeira comedia bárbara en ser escrita, “Cara de Plata”, retrato da Galiza rural do século XIX, terra dominada por un xeito de vida feudal ―dende Madrid e A Pobra―; textos literarios remitidos para seren impresos en editoriais da capital con desigual fortuna.

Desenganado dese país sen horizonte que lle tocou vivir, nunha das cartas expresa un desexo nunca realizado: “Estoy con la idea de sentar mis reales en Portugal. Cambiaré mis pocas pesetas por miles de reis. España junta en esta hora tantas vergüenzas, que huele como olía Dinamarca”. “[…] Me voy con mis lusos a gozar ―antes de morirme― el honesto esparcimiento de las revoluciones, y a ser millonario de reis”. Noutra, a carta exposta como peza do mes, dá indicacións precisas sobre a tipografía que se debe empregar nun adianto de publicación de “Cara de Plata” nunha revista literaria: “Querido Azaña: Le / mando esas cuartillas de “Cara de / Plata”. Van sin / numerar, y sin / marcar con lápiz / rojo ―se le había / roto la punta―, las / acotaciones que / deben ir en cursi- / va. [p. 1] // Si puede ser, que com- /pongan en el / tipo de las come- / días bárbaras, se / lo agradeceré. / Un abrazo / Valle-Inclán.”

Correspondencia adquirida nunha poxa en 19 de febreiro de 2001