Últimas Novas

Peza do mes no Museo Valle-Inclán

Peza do mes no Museo Valle-Inclán

0 comments

“PORTFOLIO GALICIA”

2.ª serie ― caderno núm. 16

20 de novembro de 1912

Editor: Pedro Ferrer

A Coruña

Papel, tinta

Impresión industrial

Imp. papelaría de Ferrer

A Coruña

Formato: 6 follas + cubertas, grampado

34,5 (longo) x 24,4 (ancho) cm

O Consello Internacional de Museos (Icom – UNESCO, enunciado polo seu acrónimo en inglés), organismo internacional dependente da ONU, define o museo como “unha institución sen fins lucrativos, permanente, ó servizo da sociedade e o seu desenvolvemento, aberta ó público, que adquire, conserva, investiga, comunica e expón o patrimonio material e inmaterial da humanidade e o seu medio ambiente, con fins de educación, estudo e lecer”.

O Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal, por ser un centro museístico de carácter oficial, pon moita énfase na incorporación de fondos patrimoniais relevantes para situar en contexto biográfico, literario e comunitario, o xenial escritor Valle-Inclán e as terras, paisaxes, xentes e realidades materiais, identitarias e espirituais que inspiran o seu maxín e figura de galego extraordinario. As publicacións gráficas da súa época son para o público contemporáneo unha testemuña visual próxima ó seu mundo. Don Ramón arriba como veciño e asenta o seu fogar familiar, crea libros cunha actividade e unha calidade asombrosas, para nos deixar ler relatos de historias de santos e almas en pena, comedias bárbaras, traxicomedias de aldea, esperpentos mundanos, en poboacións que, como Vilanova e Vilaxoán da Arousa, Pontevedra, Santiago de Compostela, Cambados, A Pobra do Caramiñal, eran vilas e cidades prósperas e vitais coma a súa personalidade mesma. Todas foron protagonistas daquelas empresas editoriais.

Achegamos ó público varios exemplares do“PORTFOLIO GALICIA”, de que foi editor o fotógrafo e impresor Pedro Ferrer, con gabinete e papelaría na rúa Real, 61, da Coruña. Pioneiro da fotografía na Galiza, este autor desenvolveu un inxente labor na popularización da fotografía artística e na democratización da nova arte abríndoa a novos usos. Quen non desexa ó albor daquel moderno século XX ter ó seu dispor unha imaxe gráfica real da súa vila, unha bela estampa da natureza, unha pegada venerábel da historia e das artes, producida a baixo custo e por tanto ofrecida a prezos accesíbeis a  un público xeneralista?

Logo de esgotada a primeira serie do“PORTFOLIO GALICIA”, Pedro Ferrer comezou a imprimir e  a reparti-la segunda por cadernos mensuais, a modo de fascículos, de sorte que a serie completa sume 25 cadernos, con opción a seren encadernados e darlle o formato de libro. Esta segunda serie, á cal pertence o exemplar que exhibimos, comercialízase por subscrición, ó prezo de 60 céntimos cada caderno, a fin de evitar contratempos e prever volume no negocio. De interese resulta o fotogravado n.º 185, que leva por título “PUEBLA DEL CARAMIÑAL.― EL MUELLE”, panorámica tomada á vista de paxaro, que o propio Ferrer atribúe a si mesmo, “Fª. Ferrer”; imaxe que, polas mesmas datas, serve ó obxectivo das cámaras de Hermógenes Garita, colaborador habitual do seu gabinete antes de estabelece-lo seu estudio  profesional na Pobra, acompañando ese fotogravado dun texto con explicacións  tan precisas coma útiles para as persoas investigadoras do presente. Aquel peirao mereceu a admiración do reporteiro gráfico da capital, como “obra notable de ingeniería”, “uno de los mejores de Galicia por ser abrigado y de excelente fondeadero”.

Del dinos:“Se hizo en tres veces. Fue autor del primer proyecto, en 1864, el ingeniero D. Celedonio de Uribe, pero hasta el de 1889, no se comenzaron las obras de la parte antigua ―un tercio aproximadamente de la longitud total en 1912― bajo la dirección de D. Manuel Lois. Proyectó el trozo moderno D. Vicente Mariño, y dirigió las obras D. Leopoldo Soler, desde 1904 hasta 1908 en que se terminaron. Ya en 1892, y con una subvención del Estado, del 75 % de su costo, se había construido un muelle – embarcadero, habiendo pagado lo restante el municipio, por ser obra de interés local. El muelle del proyecto primitivo tenía solamente 93 metros de longitud, el actual llega á 250. (…)”. Notemos, así, que as mocións de concelleiros progresistas como Ramón del Valle-Inclán Bermúdez, pai do escritor, tiveron ecos, amores e obras non só no peirao de ferro de Vilagarcía, senón, igualmente, na dársena de formigón hidráulico e pedra do porto da Pobra do Caramiñal. Boas infraestruturas eran estas, modernas, capaces e atentas ás necesidades do tráfico comercial e da pasaxe diaria, que explican as idas e vindas, dende unha banda a outra da ría, dos Valle-Inclán e de tantas xentes arousás con familia nas súas ribeiras.

 

No Comments so far

Jump into a conversation

No Comments Yet!

You can be the one to start a conversation.

Your data will be safe!Your e-mail address will not be published. Also other data will not be shared with third person.