Últimas Novas

Póñense en valor as actividades turísticas e culturais do verán na Pobra

Póñense en valor as actividades turísticas e culturais do verán na Pobra

30 Setembro, 2022

O Concello da Pobra do Caramiñal ofreceu o balance turístico e cultural do verán de 2022, nos meses comprendidos entre xuño e setembro, ámbolos dous incluídos. A Administración local pon en valor o patrimonio do municipio e botou a andar numerosas actividades coas cales dinamiza-la vila e repercutir positivamente na economía local.

A concelleira do Turismo, Charo Varela (Nós Pobra), xunto coa técnica municipal, Ángeles Tubío, deu conta dos datos relativos a esta área. Un total de 2000 persoas achegouse á Casa Mariñeira para solicitar información turística da vila e da comarca, polo cal se mantivo así a cifra do pasado ano, ademais de amplia-lo horario de atención ao público. Canto ao turismo nacional, destacan as visitas procedentes de Madrid, do País Vasco, da Cataluña, Castela e León e da Andalucía, seguidas das visitas de persoas galegas, fundamentalmente das provincias da Coruña e Pontevedra. No que respecta ao ámbito internacional, os principais países emisores foron Francia, a Inglaterra e a Irlanda. Tamén viaxaron da Alemaña, da Holanda, da Dinamarca, da Romanía, dos Estados Unidos e da América do Sur (da Arxentina, do Brasil, do Chile, da Colombia e do Uruguai).

Houbo tamén persoas peregrinas: 230 chegaron en caiac pola Ruta Xacobea do Mar da Arousa e do Río Ulla e, en menor medida, a pé a través do Camiño de Santiago do Barbanza. A Orixe. A súa procedencia sitúase, sobre todo, na Andalucía, Madrid, na Comunidade Valenciana, nas Canarias e na Cataluña, aínda que tamén de países como Portugal, Francia, Holanda e Dinamarca.

Durante a Semana do Mar, as actividades tiveron unha alta demanda.

Houbo seis saídas de turismo mariñeiro nas cales participaron 70 persoas, co  cal se mantén así o interese xerado en anteriores anos, cun grande éxito de participación.

As viaxes en veleiro pola ría da Arousa transcorreron durante 12 xornadas, cunha participación de 400 persoas. Acádase o dato máis elevado dende 2020.

Xestionáronse tamén viaxes en catamarán ao Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas, con 2 saídas a Sálvora e 2 a Ons. Moveron así máis de 300 persoas.

As rutas marítimas en lancha por tres puntos cruciais da ría da Arousa (bateas, illa de Rúa e illa do Areoso) contou coa participación de 120 persoas en 13 saídas.

Outra actividade de dinamización turística que se puxo en marcha neste exercicio foron as rutas guiadas polo río das Pedras, con 4 excursións cunha afluencia de 30 persoas.

Cómpre subliña-lo seguinte no relativo ás regatas: travesía Navega el Camino, composta por 26 veleiros e 105 navegantes; e Regata Rías Baixas Xacobeo 2022, en que participaron 80 embarcacións e 1800 persoas (entre tripulación e familiares que se desprazaron por terra).

Ao eido cultural referiuse a concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), e a técnica do Museo Valle-Inclán pobrense, Araceli Abad. Máis de 2000 persoas achegáronse ata a institución museística nestes meses, co cal se produciu un incremento con relación a 2021, ano en que a cifra se situou nas 1572. As visitas foron maioritariamente de carácter individual e familiar, pero tamén se rexistraron excursións organizadas, nomeadamente, en setembro.

Salientaron o bo funcionamento das visitas guiadas (74 persoas) que se ofertan aos venres.

A orixe é principalmente nacional (Madrid, comunidades autónomas do norte de España, Andalucía e Cataluña), cunha énfase no territorio galego, sobre todo das provincias da Coruña e Pontevedra. Á cabeza do conxunto de público internacional atópanse Portugal, o Reino Unido e Francia.

Aumentou, ademais, o fluxo de veciñanza da localidade (77 persoas), especialmente da mocidade, e tamén de xente de municipios da contorna que ou ben pisaron en reiteradas ocasións o Museo ou ben era a súa primeira experiencia nel.

O crecemento fíxose notar tamén nas redes sociais con máis visitas e seguimento.

Doutra banda, a casa da cultura Raquel Fernández Soler contou ao longo da época estival cun movemento significativo debido ás numerosas exposicións. Outro dos puntos neurálxicos a nivel cultural foi o Auditorio do Museo Valle-Inclán que acubillou diversas presentacións de libros. Do mesmo xeito, o municipio foi un fervedoiro cultural coa ampla programación cultural desenvolvida.