Últimas Novas

Posto informativo sobre a compostaxe doméstica nos Xardíns de Valle-Inclán

Posto informativo sobre a compostaxe doméstica nos Xardíns de Valle-Inclán

Coa finalidade de informa-la veciñanza sobre a compostaxe doméstica, na xornada do 12 de xuño establecerase un posto informativo nos Xardíns de Valle-Inclán, en horario de 10.00 a 14.00 horas. Ofrecerase así información e resolveranse dúbidas, ademais de contar con solicitudes para quen desexe sumarse ao proxecto da compostaxe no termo municipal impulsado dende a Concellaría do Medio Ambiente da Pobra do Caramiñal, da cal é titular a edil Genoveva Hermo (Nós Pobra).

Doutra banda, no 11 de xuño farase a entrega dos composteiros domésticos e material divulgativo ás persoas seleccionadas nesta segunda campaña. Dun total de 60 colectores, aínda quedan dispoñibles 13 unidades para quen desexe participar.

Dáselle así continuidade ao proxecto iniciado no pasado ano para fomenta-la separación na orixe e a xestión in situ de parte dos residuos xerados nos domicilios.

Estas accións encádranse nas actividades desenvolvidas pola Administración local arredor do Día Mundial do Medio Ambiente, no 5 de xuño. Así mesmo, atópanse ao abeiro da convocatoria da Orde de 5 de maio de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo FEDER Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2020-2021.