Últimas Novas

Reactivado o servizo telefónico para informar sobre os dereitos das mulleres

Reactivado o servizo telefónico para informar sobre os dereitos das mulleres

27 Maio, 2021

O Instituto das Mulleres reiniciou o servizo telefónico de información e atención sobre os dereitos das mulleres que se ofrece, para todo o territorio estatal, a través do número de teléfono gratuíto 900191010. O dito contacto ten como finalidade facilitar información sobre os dereitos e recursos dispoñibles para as usuarias.

O horario de atención establecido é de luns a venres laborables, dende as 09.00 ás 20.00 horas, agás nos días 24 e 31 de decembro e 5 de xaneiro, que será ata as 18.00 horas. Tamén atenden os sábados de 09.00 a 14.00 horas. Fóra dese horario, pódense deixar mensaxes que serán respondidas nun prazo de 24 horas, que se contarán dende o primeiro día hábil seguinte. Así mesmo, as consultas pódense continuar remitindo por escrito mediante os formularios habilitados na páxina web do Instituto das Mulleres e serán atendidas nun prazo de vinte días hábiles, excepto asuntos que estean suxeitos a prazos inmediatos, nos cales a espera se reducirá a cinco días hábiles.

Canalízanse queixas relativas á discriminación por razón de sexo, así como sobre sexismo na publicidade e nos medios de comunicación.

Este servizo, que nos últimos anos se prestaba unicamente de forma escrita, está cofinanciado polo Fondo Social Europeo. Ademais, está atendido por persoal especializado en materia de igualdade e contribúe a facilita-lo cumprimento das competencias encomendadas ao Instituto das Mulleres para previr e eliminar calquera clase de discriminación por razón de sexo, proporcionando ás mulleres afectadas atención e información sobre os seus dereitos e asistencia para tramita-las reclamacións por discriminación que poidan corresponder.

As persoas con discapacidade auditiva e/ou da fala serán atendidas a través da aplicación telemática https://www.telesor.es, que lles permite recibi-la información a través de dispositivos tecnolóxicos.

O Instituto das Mulleres tamén pon á disposición da cidadanía o enderezo electrónico inmujer@inmujeres.es para calquera consulta que non teña carácter xurídico.