Últimas Novas

RECOMENDACIÓNS do Concello da Pobra do Caramiñal para os paseos permitidos coas nenas e nenos na fase actual do estado de alarma

RECOMENDACIÓNS do Concello da Pobra do Caramiñal para os paseos permitidos coas nenas e nenos na fase actual do estado de alarma

RECOMENDACIÓNS do Concello da Pobra do Caramiñal para se realizaren os paseos permitidos coas nenas e nenos nesta etapa do estado de alarma

Os concellos non teñen competencia para modificar ningunha das instrucións que estabelece o Goberno do Estado durante o estado de alarma. Polo tanto o que segue a continuación son recomendacións que só pretenden facer máis efectivas as normas estabelecidas canto á saída á rúa de nenos e nenas para pasearen, sempre tendo moi en conta tódalas instrucións publicadas ata o día de hoxe.

A autorización para deixar que saian as persoas menores de 14 anos ó exterior faise sen prexuízo do cumprimento das normas fundamentais de comportamento e hixiene vixentes durante todo o estado de alarma. Respecta-los 2 m de distancia entre persoas vai ser unha das instrucións máis difícil de cumprir durante os paseos de nenos e nenas.

Por este motivo o Concello da Pobra do Caramiñal propón as seguintes recomendacións, para evitarmos na medida das nosas posibilidades o cruzamento entre persoas que se atopen paseando:

1. Nas rúas principais, que contan con beirarrúa nos dous lados, empregarase sempre a da dereita.

2. As rúas estreitas evitaranse na medida do posíbel, só se empregarán de maneira obrigada cando a vivenda se sitúe nunha delas, e utilizarase o traxecto máis curto para acceder a unha rúa principal.

3. Tratarase de evitar aglomeracións ou permanecer demasiado tempo no mesmo lugar, especialmente nas prazas do centro histórico.

4. Para evita-la coincidencia na medida do posíbel na hora do paseo, proponse a seguinte medida:

Apelidos A-L: Os nenos e nenas con apelidos que comecen polas letras que van do A ó L sairán nas seguintes franxas horarias en función de se o día é par ou impar:

Días pares: nas franxas horarias de 9:00 a 12:00 horas ou de 15:00 a 18:00 horas.

Días impares: nas franxas horarias de 12:00 a 15:00 horas ou de 18:00 a 21:00 horas.

Apelidos M-Z: Os nenos e nenas con apelidos que comecen polas letras que van do M ó Z sairán nas seguintes franxas horarias en función de se o día é par ou impar:

Días pares: nas franxas horarias de 12:00 a 15:00 horas ou de 18:00 a 21:00 horas.

Días impares: nas franxas horarias de 9:00 a 12:00 horas ou de 15:00 a 18:00 horas.

Son recomendacións, non son de obrigado cumprimento, polo tanto nin se vixiará o seu cumprimento, nin por suposto se sancionará. Pero tampouco ningunha persoa pode esixir a outra que as cumpra, unicamente a título informativo se percibe que non as coñece. En ningún caso deben provocar un conflito por non segui-las recomendacións. O único de obrigado cumprimento é o que publica o Goberno do Estado no BOE.

A seguir, dúas instrucións que si son de obrigado cumprimento, pois refírense a espazos que permaneceron pechados ata este momento e que o Concello abre agora con motivo da autorización para saíren ó exterior nenos e nenas.

Son o paseo das Xunqueiras e a praia dos Areos, que se poderán empregar baixo as seguintes condicións:

• O paseo pola praia dos Areos realizarase sempre no sentido do centro urbano cara ó Xobre.

A volta deberase realizar polo paseo marítimo.

De igual maneira, nas praias do Xobre (A Barca, A Lombiña, A Illa e A Corna) o sentido será sempre da Pobra cara a Ribeira.

O paseo das Xunqueiras só poderá realizarse no sentido das agullas do reloxo, é dicir, no punto no cal se incorpore ó paseo, haberá que se dirixir sempre cara á esquerda.

De igual maneira haberá que actuar nos paseos da Alta e da Illa.